Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo do PP na Deputación conclúe a ronda de xuntanzas cos alcaldes e voceiros dos 67 concellos da provincia

Nesta xuntanza, os representantes dos diferentes concellos tamén fixeron patente a necesidade de que a Deputación colabore con todos os municipios na recollida de animais abandonados coa creación, polo menos, de tres centros de acollida, un na zona norte, outro no centro e un terceiro no sur de da provincia

Lugo, 15 de outubro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular remataron a ronda de xuntanzas cos alcaldes e voceiros do PP nos 67 municipios da provincia, unha rolda de reunións nas que constataron “o clamor que existe na provincia polo nefasto estado de mantemento da rede viaria provincial”.

Nesta xuntanza, con concellos da zona centro da provincia, estiveron presentes os deputados Antonio Ameijide, José Ángel Santos, José Pardo e Armando Castosa, ademais de representantes de Lugo, Castroverde, Castro de Rei, O Corgo, Láncara, Meira, Paradela, O Páramo, Pol, Rábade, Samos, Sarria, A Pastoriza, Begonte, Cospeito, Guitiriz, Vilalba, Monterroso, Palas, Portomarín e Xermade.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que unha das reivindicacións comúns nestas xuntanzas foi o estado das estradas de titularidade da Deputación. “A realidade é que 66 dos 67 concellos da provincia reclamaron unha preocupación real por parte do goberno provincial polo arranxo e mantemento da rede viaria provincial debido ás numerosas deficiencias que presenta, ademais da inseguridade que supón circular por estas estradas”, explicou.

A realidade é que esta rede viaria provincial foi creada e concibida “baixo un goberno do PP á fronte da Deputación de Lugo, que contaba con moitos menos recursos dos que teñen agora PSOE e BNG para o seu mantemento”. “Estas estradas provincias teñen que vertebrar a comunicación entre os municipios pero a realidade é que pola falta de traballo de José Tomé e os seus socios de goberno son un verdadeiro perigo”, sinalou.

Un mantemento da rede viaria que ten que ir da man de colocar todos os elementos de seguridade necesarios, renovar a sinalización e de realizar os desbroces. “Estamos en outubro e hai concellos nos que aínda non se rozou nin un quilómetro de estradas”, lamentou.

Unha falta de mantemento que non se exemplifica so na rede viaria, senón que tamén se traslada ao resto de propiedades da Deputación de Lugo. “Non importa que se trate dun edificio, de estradas ou de zonas verdes, a PSOE e BNG non lles preocupa nada manter en bo estado as súas propiedades”, denunciou.

Neste senso, Antonio Ameijide puxo como exemplos o estado do Centro de Artesanía “no que cando chove, faino coa mesma intensidade no interior e no exterior do edificio”, o Pazo dos Deportes ou as zonas verdes. “O Paseo do Miño cara a Fervenza (no Concello de O Corgo) é un paseo natural que foi a envexa de toda España, e falo en pasado porque pola falta de preocupación e de mantemento de PSOE e BNG atópase en estado de abandono”, afirmou, xa que esta senda verde conta con numerosos atrancos para disfrutar dela, como árbores caídas sobre o camiño, grandes fochancas ou escaleiras e accesos perigosos, entre outras deficiencias.

PETICIÓN DE AXUDA NO CONTROL DE ANIMAIS ABANDONADOS

Os deputados do Grupo Provincial Popular explicaron nesta xuntanza que os representantes dos concellos da Ribeira Sacra, A Mariña e da Montaña se amosaran moi preocupados coa recollida dos animais abandonados, “un sentir que tamén se fixo patente nesta reunión”.

A realidade é que a Deputación ten que cumprir coas súas obrigas, establecidas na Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais, e colaborar cos concellos na recollida dos animais abandonados. “Os municipios non teñen capacidade económica nin de persoal para asumir todas as competencias que se establecen nesta lei que entrou en vigor o 29 de setembro de 2023, polo que a Deputación ten que estar ao seu carón para axudalos”, sinalou.

Unha reclamación que se incluirá no documento de propostas aos orzamentos da Deputación para o vindeiro ano, de forma que o goberno provincial poña en marcha tres centros de acollida para animais en toda a provincia, un na zona norte, outro para o centro e outro no sur.

PLAN DE XUVENTUDE

Dende o Grupo Provincial Popular tamén se defenderá que a Deputación poña en marcha un plan para a xuventude. “É necesario axudar aos máis novos a atopar a súa primeira experiencia profesional, ademais de darlles alternativas para o deporte, a cultura e o ocio, algo que o goberno de PSOE e BNG non están a facer”, rematou.

Exit mobile version