Site icon Crónica3.com A Mariña

“O Goberno do estado asegura que a praia de San Bartolo ten accesos suficientes e non contempla darlle unha solución”, di o PP

O PP ten demandado a reparación do acceso a unha praia que “leva 4 veráns pechada ao público” e máis recentemente pediu garantir a seguridade pola presenza dun foso de gran tamaño preto do paseo, pero “no Pleno do Concello BNG e PSOE votaron en contra”

Lugo, 12 de outubro de 2024. O Goberno de España, en resposta oficial ás preguntas dos senadores do PP lucense, “da a entender que a praia de San Bartolo ten acceso suficientes e que non contempla darlle unha solución” ao acceso pechado dende xaneiro do 2021.

Os senadores explican que “queríamos saber os motivos polos que o Goberno non se responsabilizara da obra de retirada das rocas de gran tamaño que se desprenderon sobre a escalinata de acceso occidental e de consolidación do acantilado que permitirían a recuperación do acceso a unha das praias máis emblemáticas do municipio. Tamén preguntábamos cando prevía executar eses traballos, pero non deron resposta concreta”.

“O Executivo de Sánchez limítase a explicar que lle corresponde ao Estado impoñer medidas de protección necesarias para asegurar a integridade e conservar no posible o carácter natural dos bens de dominio público -praias, acantilados, etc.- e ao Concello manter as condicións de seguridade e salubridade das praias e lugares públicos de baño”. Deste xeito, “o Goberno confirma que o acantilado é competencia de Costas do Estado e que lle corresponde ao Concello de Barreiros garantir a seguridade das persoas”.

Os senadores do Partido Popular consideran “unha falta de respecto” que o Executivo de Sánchez considere que o areal dispoña de “accesos varios e a priori suficientes” ao considerar que a praia de San Bartolo forma parte dunha unidade fisiográfica de máis de 4 quilómetros -integrada polas praias de Remior, Coto, Fontela e Lóngara-.

Así mesmo, condenan que “non se dea solución ao problema para a seguridade das persoas que supón a existencia dun foso aberto que ten, aproximadamente, 3 metros de boca e 10-15 metros de profundidade o cal está situado ao carón do paseo que discorre ao longo da praia”.

O Partido Popular ten demandado en numerosas ocasións a reparación do acceso a unha praia que “leva 4 veráns pechada ao público”. Así, teñen impulsado de forma conxunta ante o Senado, o Parlamento de Galicia e o Concello iniciativas para que o Concello e o Goberno de Sánchez acometan con urxencia os traballos que sexan necesarios para que a praia de San Bartolo se volva a abrir para que os veciños de Barreiros e os visitantes poidan gozar dela e que se tomen en serio o problema existente con ese foso e corrixan de maneira urxente o perigo”.

Os populares non entenden que “o resto de forzas da corporación municipal -BNG e PSOE- votaran en contra da proposta do PP no pleno do pasado luns dirixida a garantir a seguridade”.

Exit mobile version