Balseiro asegura que é “unha barbaridade” condicionar o acendido das farolas a que haxa sinistros cando o importante en materia de seguridade viaria é “previr accidentes”
Barreiros, 17 de outubro de 2024. O Goberno de España non acenderá as luces do enlace de entrada e saída da A-8 ás glorietas da N-634 e N-642 na Cruz do Logo, no termo municipal de Barreiros, salvo que se produzan accidentes e que nos últimos dous anos máis do 50% dos accidentes se produzan de noite.
Así o asegura nunha resposta oficial do Goberno a unha pregunta formulada polos senadores lucenses José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, a petición do Grupo Municipal Popular en Barreiros ante o apagón nunhas interseccións que consideran de especial risco polo elevado tránsito que soportan, tanto de vehículos particulares como pesados.
A contestación do Executivo, que Balseiro considera “unha barbaridade”, implica que unha zona tan concorrida como é o treito entre as dúas rotondas da Cruz do Lobo e o enlace coa Autovía do Cantábrico en Barreiros seguirá a escuras por non acender as luces, a pesar de ter luminarias instaladas.
Balseiro considera que en materia de seguridade viaria se deberían aplicar criterios “preventivos”. Así, indica que “supoñemos que no momento no que se instalaron as farolas existentes era para previr accidentes” e, ademais, “as luces estiveron en funcionamento ata o ano 2022”.
Nese sentido, pide ao Goberno “non esperar a que se produza un problema”; senón “intentar evitar o problema que se pode facer acendendo as luces das farolas que xa no seu día se colocaron para iso”.
ORDE CIRCULAR 36/2015
O Goberno de España xustifica esta decisión “unilateral” na aplicación da Orde Circular 36/2015, de 24 de febreiro, na que indica que, con carácter xeral, os treitos de estradas convencionais non se iluminarán. A propia resposta inclúe unha excepción que xustificaría o acendido das farolas, en concreto, que sexa un tramo de concentración de accidentes e que nos últimos anos máis do 50% dos sinistros se produzan en período nocturno.