Os populares constatan que “o Goberno central non tomou ningunha medida ante unha situación excepcional” e pregúntanse que traballo facían entón os axentes municipais ou quen o está a facer agora se á Policía Nacional non lle inflúe para nada que non haxa Policía Local”
Os senadores -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- dirixíanse formalmente ao Executivo para coñecer as medidas que tiña previsto adoptar para evitar a sobrecarga que supón para os axentes asumir as competencias da Policía Local que ten en situación de baixa a toda a plantilla dende o mes de febreiro.
Á vista da resposta, os populares constatan que “o Goberno central non tomou ningunha medida ante unha situación excepcional”. E tendo en conta que da súa resposta se desprende que “non lle inflúe para nada que Viveiro non dispoña na actualidade de efectivos da Policía Local”, pregúntanse que traballo facían entón os axentes ou quen o está a desenvolver agora”.
Os populares advirten que “son máis de 7 meses sen efectivos da Policía Local no municipio de Viveiro”, un problema que supón “múltiples inconvenientes na prestación dos servizos que teñen encomendadas estes efectivos”: control do tráfico urbano e actividades públicas, seguridade cidadá, instrución de atestados, custodia de edificios municipais ou auxilio e protección das persoas e bens e afecta tamén ao servizo de grúa.