Site icon Crónica3.com A Mariña

O Festival de Jazz ou o novo ciclo de música O Galiñeiro son algunhas das propostas da axenda cultural de Ribadeo para o último trimestre do ano

Ribadeo, 25 de outubro de 2024. Música, teatro afeccionado e profesional, exposicións e presentacións de libros conforman a axenda cultural do último trimestre deste 2024 en Ribadeo.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, dixo que “aínda que a programación do Nadal vai ser obxecto dunha presentación concreta, si queremos dar conta hoxe das actividades culturais que se propoñen no que queda de ano. Comezamos co xénero da música coral. Este sábado o Coro Voces Graves de Gijón actúa no Teatro nun evento que nos chega da man da Coral Polifónica de Ribadeo. Esta formación ribadense protagoniza pola súa banda os tradicionais concertos de Santa Cilla, que no convento de Santa Clara lembrará a Carlos Álvarez Fernández-Cid no aniversario número 40 do seu pasamento e o Festival de Panxoliñas neste caso na igrexa parroquial.Tamén a Banda Municipal de Música de Ribadeo celebrará a patroa da música e o concerto de Nadal: Aquí como en Viena”.

A edil ribadense explicou que “dentro do ciclo O Concello cos Coles a sección de danza da EMMeD volverá representar A bela adormecida. E xa en concreto para o propio alumnado da Escola, teremos o seu Festival de Nadal a mediados de decembro”.

Sanjurjo subliñou que “coa temporada invernal chega tamén o Festival de Jazz & Blues de Ribadeo, este ano na súa décima edición. Catro concertos forman un programa que conta cos seguintes participantes: Cyrus Chestnut, J.P. Bimeni & The Black Belts, New Orleans Gospel Stars e finalmente Ángeles Dorrío, que impartirá tamén unha masterclass. Unha proposta diferente chegará da man da asociación Catro Caños e no Teatro de Ribadeo, é o ciclo O Galiñeiro, vinculado ao Vendaval Fest. Xa foi o concerto de Rival Karma e quedan nestes meses outros como os de Materia Muerta e Amarradizo”.

A concelleira de Cultura contou que “as nosas salas de exposición acollerán a obra dos veciños Pimpelo e Xesús Vázquez Gallego e tamén, xa desde o sábado pasado, a organizada pola Agrupación Cultural Francisco Lanza, Memoria viva, lingua viva, unha posta en valor do uso do galego á hora de elixir o texto das lápidas dos nosos seres queridos.Tamén, organizada pola entidade Abanca, poderemos achegarnos á obra de Castelao coa mostra chamada Castelao Grafista”.

Varias serán as presentacións de libros, que terán lugar este trimestre: “no ámbito literario, Lois Alcayde Dans presentará a súa obra Vrao. E da man da Agrupación Cultural Francisco Lanza, e xa rematando o ano no que as Letras Galegas se dedicaron a Luísa Villalta, visítanos o autor e músico Xurxo Souto co seu libro Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta. Previamente haberá un roteiro seguindo as lonas que nas varandas recollen os poemas da autora e que colocou a asociación coa colaboración dos veciños e veciñas donos das casas. Tamén no mes de novembro se presentará o libro Los Caminos de España”.

Begoña Sanjurjo seguiu a relatar que “logo da Mostra Daniel Cortezón de Teatro Afeccionado que puidemos ver a mediados deste mes, a vindeira cita co teatro amador é en decembro, da man do Grupo de Teatro Ollomao, de Barreiros, e o seu Pan con chocolate. Finalmente, o teatro profesional conta este sábado cun espectáculo para público familiar onde as protagonistas son as pompas. Trátase de Os fabulosos Cleaners, de Malasombra Producións que tamén nos trae o mes vindeiro para público adulto a súa exitosa montaxe, Bernarda. Tamén para público a partir de 9 anos e co gallo de lembrar o día internacional da eliminación da violencia contra a muller acudiremos ao auditorio para ver A Cincenta que non quería comer perdices, da compañía Sarabela Teatro. E rematamos coa obra O auto do Castromil, Premio Manuel María de Proxectos Teatrais e que representa a compañía Producións Teatrais Excéntricas”.

A edil de Cultura agarda que “estas propostas, e outras que seguro que xurdirán nestes meses, sexan do agrado do público ribadense. Vémonos nos espazos culturais”.

Exit mobile version