Site icon Crónica3.com A Mariña

O Espazo+60 de Afundación en Viveiro acolle unha sesión de cinefórum sobre dano cerebral adquirido

A actividade celebrarase o 24 de outubro e consistirá na proxección e análise nun coloquio do filme ‘Háblame de ti’

Santiago | Viveiro 21/10/2024. A Federación Galega de Dano Cerebral (Dano Cerebral Galicia) e Afundación colaboran na organización dunha xeira de sesións de cinefórum durante o mes de outubro para incrementar o coñecemento sobre o dano cerebral adquirido, unha discapacidade provocada, fundamentalmente, por ictus e traumatismos cranioencefálicos, coa que conviven máis de 35.000 persoas no noso país.

Por terceiro ano consecutivo, ambas entidades volven sumar forzas para o desenvolvemento dunha programación de sensibilización dirixida a persoas maiores de 50 anos, optando nesta ocasión polo emprego do audiovisual como recurso para divulgar información sobre as causas e secuelas do ictus, así como para reflexionar sobre a representación da discapacidade, os estereotipos e os estigmas.

Con este fin, durante as sesións, que se celebrarán nos Espazos+60 e sedes de Afundación de 11 localidades galegas, proxectarase a película ‘Háblame de ti’, que posteriormente será analizada de forma colectiva a través dun coloquio.

O obxectivo é abordar a importancia de adquirir hábitos de vida saudable e coñecer as pautas de actuación en caso de sufrir unha lesión cerebral, prestando especial atención aos signos e síntomas de alarma do ictus, primeira causa de discapacidade adquirida en España.

Para o desenvolvemento do ciclo de sesións, ademais do apoio loxístico da Afundación, a Federación conta co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.

O ciclo chega a Viveiro

A sesión de Viveiro celebrarase o xoves 24 de outubro, ás 18.00 h, no Espazo + 60 (Travesía da Mariña, 49). O resto de sesións pendentes celebraranse nas seguintes localidades, datas e horarios:

Lugo: 24/10 | 18.30 h.
Pontedeume: 30/10 | 17.30 h.
Santiago: 31/10 | 17.30 h
A Coruña: data por confirmar

Modo de inscrición

As sesións están dirixidas a persoas de máis de 50 anos e, aínda que a asistencia é gratuíta, é preciso inscribirse previamente dado que o aforo é limitado.

As persoas socias dos Espazos +60 poden anotarse no seu local de referencia e as demais poden chamar ao teléfono 881 943 148 ou cubrir o formulario de inscrición online dispoñible na seguinte ligazón: https://forms.office.com/e/sQZqszKmg8

Exit mobile version