Lourenzá, 9 de outubro, 2024. O equipo de goberno laurentino intenta, na medida do posible, adicarse a traballar e non perder tempo respostando ás declaracións dos populares. Pero hai ocasións nas que non lles queda máis remedio que contestar aos comunicados do PP que intentan sacar rédito empregando mentiras e manipulando a realidade.
Empezan a súa manipulación asegurando que é “alarmante” que para o PSOE local non sexa prioritaria a loita contra os incendios forestais. Tal como lles aclarou a alcaldesa no último pleno este ano non se solicitou a brigada porque nos parece máis operativo o que estamos a facer nos últimos anos, realizar os tratamentos preventivos con desbroce mecanizado, actuando naquelas pistas forestais polas que poden pasar tractores con cisternas ou motobombas.
Menten os populares cando din que está pendente de pago as subvencións culturais. Houbo asociacións, aclara o equipo de goberno, que non presentaron a documentación en prazo e forma, tendo que ser requeridas para que a aportaran, aceptándose incluso fóra de prazo. Tamén hai que dicir que algunha asociación, como a que dirixe “na sombra” unha concelleira popular, xustificou menos gastos que a cantidade concedida polo Concello, polo que resultaron prexudicadas as demais, xa que lles correspondería unha cantidade maior. Aclara o equipo de goberno que non é competencia municipal o estado económico das asociacións, si o é colaborar naquelas actividades que sexan de interese para a veciñanza. Isto será o que se fará en adiante desde a área de cultura municipal.
Falan os populares da escasa actividade cultural do Concello. Non será que non se enteran, porque a verdade é que non se ven habitualmente participando delas, como foi o caso da actuación da Banda de Música de Foz e do Festival Folclórico na pasada edición da Festa da Faba (actuacións financiadas polo Concello). Festa está tamén criticada polo PP, falando do pouco interese por parte do Concello. Resulta que despois non fixeron máis que fotografarse en distintos actos, por se alguén chega a pensar que teñen eles algo que ver e así colgarse algunha medalla.
Manipulan tamén cando falan do pago dos libros de texto en primaria e do transporte da ESO no IES de Mondoñedo. Estes son servizos públicos, dentro dun ensino obrigatorio e gratuíto, competencia da Xunta de Galicia. Os Concellos, coma sempre, teñen que facerse cargo dos servizos que non lles corresponde e que fai que estén afogados económicamente. Esto mesmo ocorre co mantemento dos centros educativos, axuda no fogar, punto de atención á infancia, centros de saúde, etc. No caso do transporte da ESO, aclaróuselle ao grupo popular no último pleno que era totalmente necesario mentres non solucione a Xunta o deficiente servizo de comedor escolar. A resposta da concelleira que facía de voceira foi que o seu fillo fora usuario do comedor e se non comía ben a solución era merendar máis ao chegar á casa.
Os socialistas instan ao grupo popular a saír menos nas fotos e traballar algo polo concello, esixíndolle á Xunta de Galicia que solucione os problemas dos seus veciños e veciñas.
Fotos como as últimas publicadas no Mosteiro de San Salvador. Primeiro presumen do traballo na Igrexa en non hai máis que mirar para a fachada e ver como a deixaron toda chea de sivas e maleza. En canto ao Mosteiro aclarar que eles son coñecedores de que está pendente a resolución do 2% cultural. Se ao final se nos concede non so se restauraría todo o Mosteiro senón que ademais pasaría a ser de titularidade municipal durante alomenos 50 anos. Sería unha boa nova, que posiblemente non lles gustase aos populares, que desde que se iniciou este proceso non fixeron máis que poñer trabas, mentir e buscar unha mala relación entre o Concello e o Bispado de Mondoñedo-Ferrol, algo que non conseguiron.
Pero, por se acaso, aí está a foto, por se cae algo.