Apunta á relevancia da peregrinación na difusión da nosa cultura e do galego, ao que augura un “novo Rexurdimento” co plan de dinamización do seu uso de cara ao 2025
López Campos recoñeceu os “incuestionables valores de seu” do Camiño de Santiago, pero considerou necesario subliñar entre as causas da súa evolución “ata a eclosión internacional actual do fenómeno Xacobeo” á promoción realizada polo Goberno galego das diferentes rutas do Camiño de Santiago. De igual xeito, tamén enxalzou “a total implicación” da Xunta “en facer ver e valer todo os seus excelsos bens culturais”.
Neste senso, fixo especial fincapé nos investimentos realizados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para recuperar e conservar o “valioso patrimonio material” que atesouran as rutas xacobeas, en referencia ás súas igrexas, mosteiros, calzadas, pontes e catedrais, “comezando pola de Santiago, meta e destino final das peregrinacións”, remarcou.
Plan catedrais con máis 38 M€
Neste punto, salientou o Plan Catedrais de Galicia 2021-2027 do departamento que dirixe e que está dotado con máis de 38 M€, “para garantir que o noso patrimonio, fonte da riqueza económica e cultural, se atope nas mellores condicións sobre todo, de cara ao próximo ano Xacobeo”, precisou.
Ao respecto deste plan, o conselleiro apuntou, entre as actuacións “máis significativas”, á reforma da catedral de Santa María de Tui (Pontevedra), con máis de 9 M€ ou á da catedral da Virxe da Asunción de Mondoñedo (Lugo), que conta cun investimento que supera os 6,5M€.
Difusión da nosa cultura e lingua a través do Camiño
López Campos tamén quixo pór en valor a importancia da peregrinación na difusión internacional da nosa cultura e do noso idioma, “que cativan e seducen a camiñantes de multitude de países, que teñen descuberto Galicia e a nosa identidade, a través dese conxunto de elementos singulares que nos conforman como pobo”, argumentou.
Precisamente, o conselleiro tirou proveito para erixir tamén o noso idioma como “un dos grandes patrimonios de Galicia”. “Supón toda unha sorte e privilexio contar cunha lingua propia”, defendeu. Neste senso, incidiu na importancia de “impulsar aínda máis” o seu uso en todos os ámbitos, “convencido de que podemos vivir un novo Rexurdimento no seu prestixio e emprego”, augurou.
Para iso, salientou a posta en marcha por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dun novo plan con medio cento de medidas encamiñadas a dinamizar o uso do galego de cara ao 2025. Estas actuacións estarán centradas especialmente, segundo concretou, en darlle pulo ao fenómeno de neofalantismo, en fomentar a aprendizaxe entre as persoas non nadas en Galicia, e en incrementar o emprego do noso idioma nas aplicacións tecnolóxicas ás que acceden con máis frecuencia a xente nova.