Apunta á relevancia da peregrinación na difusión da nosa cultura e do galego, ao que augura un “novo Rexurdimento” co plan de dinamización do seu uso de cara ao 2025
Ribadeo, 4 de outubro de 2024. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou esta mañá o “importante papel” que ten desenvolvido a Xunta ao longo destes últimos anos na transformación do Camiño de Santiago “nun dos bens culturais de Galicia con máis proxección e prestixio internacional”. Así o puxo en valor durante a súa intervención na inauguración das XIX xornadas Mar por medio. Os camiño de Santiago: itinerarios de espiritualidade, tradición e cultura, que se celebran desde hoxe e ata o domingo no municipio lucense de Ribadeo.
López Campos recoñeceu os “incuestionables valores de seu” do Camiño de Santiago, pero considerou necesario subliñar entre as causas da súa evolución “ata a eclosión internacional actual do fenómeno Xacobeo” á promoción realizada polo Goberno galego das diferentes rutas do Camiño de Santiago. De igual xeito, tamén enxalzou “a total implicación” da Xunta “en facer ver e valer todo os seus excelsos bens culturais”.
Neste senso, fixo especial fincapé nos investimentos realizados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para recuperar e conservar o “valioso patrimonio material” que atesouran as rutas xacobeas, en referencia ás súas igrexas, mosteiros, calzadas, pontes e catedrais, “comezando pola de Santiago, meta e destino final das peregrinacións”, remarcou.
Plan catedrais con máis 38 M€
Neste punto, salientou o Plan Catedrais de Galicia 2021-2027 do departamento que dirixe e que está dotado con máis de 38 M€, “para garantir que o noso patrimonio, fonte da riqueza económica e cultural, se atope nas mellores condicións sobre todo, de cara ao próximo ano Xacobeo”, precisou.
Ao respecto deste plan, o conselleiro apuntou, entre as actuacións “máis significativas”, á reforma da catedral de Santa María de Tui (Pontevedra), con máis de 9 M€ ou á da catedral da Virxe da Asunción de Mondoñedo (Lugo), que conta cun investimento que supera os 6,5M€.
Difusión da nosa cultura e lingua a través do Camiño
López Campos tamén quixo pór en valor a importancia da peregrinación na difusión internacional da nosa cultura e do noso idioma, “que cativan e seducen a camiñantes de multitude de países, que teñen descuberto Galicia e a nosa identidade, a través dese conxunto de elementos singulares que nos conforman como pobo”, argumentou.
Precisamente, o conselleiro tirou proveito para erixir tamén o noso idioma como “un dos grandes patrimonios de Galicia”. “Supón toda unha sorte e privilexio contar cunha lingua propia”, defendeu. Neste senso, incidiu na importancia de “impulsar aínda máis” o seu uso en todos os ámbitos, “convencido de que podemos vivir un novo Rexurdimento no seu prestixio e emprego”, augurou.
Para iso, salientou a posta en marcha por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dun novo plan con medio cento de medidas encamiñadas a dinamizar o uso do galego de cara ao 2025. Estas actuacións estarán centradas especialmente, segundo concretou, en darlle pulo ao fenómeno de neofalantismo, en fomentar a aprendizaxe entre as persoas non nadas en Galicia, e en incrementar o emprego do noso idioma nas aplicacións tecnolóxicas ás que acceden con máis frecuencia a xente nova.