A proposta de modificación de crédito extraordinario foi aprobada na última sesión plenaria para adaptar os recursos ás necesidades actuais do municipio
Cervo, 8 de outubro de 2024. O concello de Cervo aprobou na última sesión plenaria unha proposta de modificación de crédito do orzamento baixo a modalidade de crédito extraordinario co obxectivo de executar parte do remanente líquido de tesourería do ano 2023 para facer fronte a diferentes actuacións importantes.
Con esta modificación orzamentaria farase uso de parte do remanente do curso anterior, para efectuar tres actuacións diferentes, por un valor de 326.252,39 euros.
As obras que se van levar a cabo os vindeiros meses con fondos do remanente de tesourería son:
A creación da rede de saneamento no lugar de “A Chousa de Motín”, na parroquia de Castelo por un valor de 108.724,48 euros. O proxecto contempla a creación dunha nova rede de sumidoiros de augas residuais en tubos de PVC entre pozos de rexistro e renovaranse as acometidas domiciliarias, tamén se renovará a pavimentación dos tramos de calzada afectados, mellorando tamén as condicións de accesibilidade.
A renovación da rede de saneamento en Figueirido, por un importe de 48.176,71 euros. O proxecto consiste o acondicionamento das redes de saneamento existentes de fecais e pluviais, substituíndo os tramos de rede de abastecemento de auga obsoletos e en mal estado, repoñendo o pavimento afectado durante a actuación.
A mellora das comunicacións no núcelo da Senra por un importe de 169.351,20 euros. A obra abrangue a retirada da parte superior da capa de rodadura existente, o fresado dos firmes asfaltados para a reposición con rodadura bituminosa, executando, así mesmo, canlóns de formigón para a recollida de pluviais.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, explicou que grazas a unha xestión rigorosa e responsable das arcas públicas, nos próximos meses poderemos acometer estas obras que son moi importantes para o desenvolvemento das nosas zonas rurais, a través dunha modificación orzamentaria que nos permite adaptar os nosos recursos ás necesidade actuais do noso concello.
O remanente de tesourería que fomos sumando bríndanos agora a oportunidade de seguir investindo en proxectos que beneficiarán a todos, neste caso centrados na mellora das infraestruturas de diferentes núcleos do concello.
A rexedora puxo de manifesto que a xestión eficiente non só se mide en números “senón na capacidade de ir investindo ese excedente en iniciativas que dean resposta ás necesidades da nosa veciñanza”, e ese é o camiño que este equipo de goberno pretende seguir, baixo a premisa de que todos os cidadáns, sen importar se viven nas zonas urbanas ou rurais, poidan desfrutar duns servizos e infraestruturas de calidade.