Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo convoca unha nova liña de axudas ao transporte escolar para o alumnado que cursa estudos fóra do termo municipal

As persoas beneficiarias teñen de prazo para presentar a documentación requirida ata o 25 de outubro -incluído- no Rexistro Xeral da Casa do Concello

Cervo, 7 de outubro de 2024. O Concello de Cervo vén de abrir o prazo para solicitar a axuda ao transporte escolar para o alumnado que cursa estudos fóra do termo municipal sempre que se trate de formación ou titulacións que non se impartan en ningún centro do concello.

A administración local mobilizou unha partida de 12.000 euros e cada alumno/a que resulte beneficiario/a da axuda recibirá 150 ou 200 euros, en función da renda familiar.

Os estudantes, que deben ser menores de 30 anos, terán que cumprir os requisitos establecidos nas bases, dispoñibles na Casa da Cultura, na Casa do Concello e na sede electrónica da web municipal, e presentar a documentación requirida no Rexistro Xeral do Concello. O prazo para facelo remata o 25 de outubro –incluído-.

Tal e como sinala a rexedora, Dolores García Caramés, trátase dunha subvención financiada ao 100% con fondos municipais co obxectivo de “axudar ás familias na carga económica significativa que pode supoñer o transporte dos seus fillos/as, contribuíndo a que exista igualdade de oportunidades na educación”. Neste senso –precisou- que o noso compromiso é garantir que a mobilidade non sexa un privilexio, senón un dereito accesible para todos/as, neste caso na etapa educativa.

O/a solicitante ten que cursar algunha destas titulacións: Ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios e escolas de música, Bacharelato (nalgunha das modalidades que non se imparten no Concello de Cervo) ou ciclo medio ou superior de Formación Profesional.

Documentación

En canto á documentación a presentar, deberase entregar no Rexistro do Concello fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar maiores de idade, fotocopia do libro de familia, autorización de todos os membros computables para obter información das diferentes administracións, copia cotexada do boletín de cualificacións ou certificación expedida polo centro educativo no curso 2023-2024 e, en caso de discapacidade ou dependencia, certificado emitido polo organismo oficial correspondente.

Aquelas persoas que desexen máis información ao respecto poden achegarse ás oficinas municipais ou consultar o Boletín Oficial da Provincia, deste luns 7 de outubro.

Exit mobile version