“Pedimos a colaboración dos veciños para que non aparquen nas zonas afectadas, porque precisamos que as rúas estean libres de coches para proceder”, indica o edil Ramiro Fernández Rey
Burela, 14 de outubro de 2024. O Concello de Burela retomará este mércores , día 16 de outubro, os traballos de asfaltado de diversas rúas da vila que comezaron a pasada semana, polo que solicita a colaboración da veciñanza para liberalas de coches aparcados antes do comezo das obras.
As obras serán na rúa Beiramar entre o cruce das rúas Nosa Señora do Carme e Rosalía de Castro, na rúa da Pedra, na rúa da Cova Moura e na rúa Nosa Señora do Carme.
Nesta última rúa non se actuará na súa totalidade, se non unicamente nas partes que se atopan máis deterioradas. Concretamente, entre o cruce da vía do tren e a rúa Cova Moura e entre as rúas Curros Enríquez e Eijo Garay.
Ademais disto tamén se renovará a rúa Pedrón Salgueiro, entre a avenida de Arcadio Pardiñas e o cruce das Lamas na rúa do Río Sor. Hoxe, luns 14 de outubro, comeza o traballo de sinalización nas rúas.
“Pedimos a colaboración dos veciños para que non aparquen nas zonas afectadas, porque precisamos que as rúas estean libres de coches para proceder”, indica o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey.
Fernández Rey afirma que “a previsión é que os traballos rematen o xoves, se as rúas están sen coches e as condicións meteorolóxicas o permiten”. “Se o mércores houbese coches aparcados, o Concello terá que actuar para poder facer os traballos”, engade.
“Van ser cortes puntuais, non debería haber ningún corte total, e se informará á veciñanza das alternativas dispoñibles aos tramos cortados”, puntualiza o edil.
“Sentimos as molestias ocasionadas, pero pedimos a comprensión da veciñanza porque é necesario realizar estas obras para mellorar o estado das rúas”, sinala o concelleiro. “Queremos evitar en medida do posible ter que mover ningún coche nin sancionar a ninguén”, subliña Fernández Rey.
Os traballos supoñen un investimento de 126.000€, “unha cantidade importante que se suma a todo o que levamos investido nos últimos anos en manter as nosas rúas nas mellores condicións posibles”, conclúe.