“Consideramos inadmisibles as recentes declaracións realizadas no Parlamento de Galicia polo Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nas que se faltou á verdade sobre a situación do noso centro educativo, concretamente ao afirmar que este ano se destinou un docente de Audición e Linguaxe en lugar dun de Pedagoxía Terapéutica, recurso co que xa se contaba o curso pasado”.
Dende o Concello de Alfoz “facemos un chamamento á Xunta de Galicia, e de forma particular a Sagrario Sánchez, Xefa Territorial de Educación en Lugo, para que proporcione os recursos que demanda a veciñanza que representamos e unha resposta que estea á altura das necesidades reais do centro. A educación no rural non pode ser abandonada nin tratada con menosprezo e este caso exemplifica unha desatención grave que non podemos tolerar. Esperemos que a Xunta entre en razón, se poña do lado da cidadanía e proporcione os recursos necesarios para o correcto funcionamento do centro”.
“Se non se atenden estas xustas reclamacións con dilixencia, deberá haber responsabilidades políticas ante o que consideramos un caso de desatención nas súas funcións e un abandono do sistema educativo no rural”.
“No último pleno municipal os tres partidos (PSOE, VIA Alfoz e PP) aprobamos por unanimidade unha moción na que se apoia á ANPA nas súas reivindicacións e se lle reclama á Xunta de Galicia o profesorado que lle corresponde ao colexio do noso municipio”.
“Non deixaremos de loitar polos dereitos dos nosos nenos e nenas”.