Daniel Castro advertiu da diminución da calidade no centro e instou a recuperar a praza de especialista en Pedagoxía Terapéutica
Daniel Castro cuestionou ao goberno sobre como afectará á calidade da educación do centro. “Vostedes cren que isto favorece o asentamento de familias no rural? É isto un exemplo do ano de máis modernización do ensino en Galiza?”.
Ante esta diminución da calidade educativa e ao ver como a Xunta de Galiza desoe de maneira deliberada as peticións dos e das afectadas “faise necesario que o goberno galego resolva estas eivas de xeito inmediato” salientou Castro.
Por esta razón, o BNG ve inxusta esta situación xa que o propio acordo de agrupamentos indicaba que “se podería agrupar o alumnado de primaria pertencente a distinto ciclo nunha mesma unidade cando o número sexa igual ou inferior a 12” sinalou. Pola contra, no CEIP Plurilingüe Castro de Ouro contan con 15 alumnos nun dos agrupamentos.
Desde o colexio Castro de Ouro enviáronlle cartas tanto ao conselleiro como á Consellería no mes de xuño e o único que tiveron “foi a calada por resposta” apuntou Castro. Os nenos e nenas de Alfoz precisan un mestre ou mestra máis e que se desfaga ese agrupamento e tamén precisan un profesional para Pedagoxía Terapéutica.
O deputado nacionalista salientou que ao ser un centro situado nun concello rural, “fai máis difícil de entender que a Xunta de Galiza non teña nin a máis mínima intención de favorecer o asentamento de familias no rural galego”, introducindo medidas que provocan o efecto contrario.
A esta sesión plenaria o deputado nacionalista estivo acompañado pola ANPA do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz