Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia que a PP usa a Lei de acompañamento para favorecer ao lobby eléctrico afondando no espolio eólico

Crea zonas de “aceleración eólica”, que na práctica supón considerar a case totalidade do territorio como explotable para producir enerxía eólica

Santiago de Compostela, 20 outubro 2024. O BNG denuncia que o goberno do Partido Popular volve usar de forma espúrrea a Lei de acompañamento dos orzamentos modificando pola porta de atrás un total de 37 leis e 12 decretos advertindo ademais que, un ano máis, estes cambios lexislativos son usados para afondar no espolio eólico de Galiza.

Para iso, denuncia a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, “a lei de acompañamento inclúe 16 modificacións da Lei do sector eólico para favorecer aínda máis o boom eólico depredador e os intereses do lobby eléctrico porque con esta o PP reduce e acelera trámites, amplía autorizacións e promove repotenciacións”.

E non se queda nisto, denuncia Rodil, porque a través da lei de acompañamento pretende crear zonas de aceleración eólica, é dicir, “pretende considerar na práctica case todo o territorio como potencialmente explotable para a produción de enerxía eólica, e dicir, coloca o territorio de Galiza a disposición dunha presa de multinacionais para que fagan negocio, poñéndolle a alfombra vermella en contra dos intereses das maiorías sociais”.

O BNG avanza a súa oposición a estes cambios normativos pola porta de atrás: “rexeitamos esta maneira de lexislar porque non se pode utilizar un subterfuxio tan pouco democrático para levar adiante medio cento de reformas lexislativas sen debate social, sen consultar ao Consello Económico e Social de Galiza e por riba impulsar mudanzas que van directamente en contra dos intereses dos galegos e das galegas”, argumenta Rodil.

“É unha forma de lexislar da que abusa constantemente o PP moi pouco democrática porque pasa por enriba dos órganos consultivos e impide a participación dos galegos e das galegas en asuntos que lles afectan directamente”, afonda a viceportavoz parlamentaria Olla Rodil.

En materia eólica, a lei de acompañamento propón a modificación do canón eólico para, presuntamente, aplicar esa taxa por potencia e non por número de muíños, pero curiosamente iso non implica unha previsión de máis ingresos posto que a cantidade estimada nos orzamentos de 2025 é similar á actual, nun momento en que a recadación polo canón está á baixa porque a Xunta aplica esa taxa sobre o número de muíños e non sobre a potencia, criterio que favorece ás eléctricas.

A lei de acompañamento altera leis e decretos que afectan a materias moi dispares e que nada teñen que ver coa execución dos orzamentos, asuntos como as telecomunicacións, mobilidade, educación, sanidade, vivenda, infraestruturas, política social e industrial entre moitas outras.

Exit mobile version