Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove vota a favor de subir o IBI a Alcoa

Xove, 18 de outubro. No pleno ordinario do pasado luns votouse a suba do IBI que afecta únicamente á multinacional americana ALCOA. Isto implica unha suba dende o 0,6 ao 1,6 que permitirá recaudar ao Concello uns 190.000€.

Obriga de pagar os impostos como todas as veciñas

“Dende o grupo nacionalista defendemos que unha empresa, por moi multinacional que sexa, ten que pagar os impostos que lle corresponden ao igual que os pagamos os veciños e veciñas de Xove”.

“Posicionarse en contra desta suba dun punto que permitiría recaudar uns 190.000€ neste momento de incertidume económica parécenos temerario xa que permitiría seguir garantindo uns servizos de calidade”.

A suba dun punto non afecta á continuidade da factoría

“Esta suba dun punto non nos parece algo desorbitado para unha multinacional que factura millóns de euros anuais e tampouco, dende logo, afectaría á instalación de novas empresas de darse o caso”.

Anos de ingresos perdidos

“Igualmente advertimos de que o Concello de Cervo leva varios mandatos aplicando esta porcentaxe e non entendemos o porque de renunciar a este ingreso durante todos estes anos. Uns ingresos que beneficiarían ao total da veciñanza de Xove e que de multiplicalo polos anos que non se aplicou, poderíamos botar as mans á cabeza”.

“Doutro xeito, é hora de remar todos na mesma dirección”.

Exit mobile version