Desde o BNG de Ribadeo “animamos á veciñanza a solicitar información sobre este e outros asuntos no Concello”
Ribadeo, 16 de outubro, 2024. O BNG de Ribadeo denuncia que esta semana o goberno municipal pasou outra liña vermella e volveu denegar o acceso á información sobre a conta de gasto do ano 2024. Ademais, por primeira vez, denegou unha copia sobre as certificacións de obra do Hospital-Asilo e só nos permiten a súa consulta de xeito presencial na sede municipal e con control. Nas anteriores ocasións, sempre se remitiu unha copia.
En palabras do voceiro do BNG, Pablo Vizoso: “É a segunda vez, en pouco máis de quince días, que o goberno municipal nos denega o acceso á información sobre a conta de gasto do ano 2024. Isto non fai máis que aumentar o noso temor a atoparnos cun gasto descontrolado como vimos denunciando nos último tempos. Non ten sentido que nos deneguen esta información a non ser que teñan algo que ocultar. Teñen algo que ocultar desde o goberno? Esa é a pregunta que lle lanzamos ao goberno do PP e a propia sociedade ribadense, á que animamos desde aquí a que acuda ao consistorio a pedir tamén información sobre esta conta de gasto e outros asuntos. A deriva antidemocrática non queda aquí, esta semana, por primeira vez, o goberno denegounos unha copia das certificacións de obra do Hospital-Asilo. O novo cambio de criterio do alcalde só nos permite acceder as certificacións de xeito presencial na sede municipal e con control. Será que, como denunciamos en reiteradas ocasións, as obras van a un ritmo moi lento e non se vai cumprir o prazo de execución de 18 meses?. Nos próximos días poderemos dirixirnos á sociedade ribadense para aclarar este tema”.
Vizoso engadiu: “En canto á ocultación de información de xeito reiterado, nestes momentos estamos redactando un recurso de reposición para presentar ante o Concello e estudando a posibilidade de acudir nos próximos días a Valedora do Pobo e incluso a xurisdición contencioso-administrativa para garantir o libre acceso á información. Mal camiño tomaron desde o goberno se pretenden ocultarnos información de xeito sistemático; algo moi grave deben tratar de tapar”.