Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo denuncia que as obras do Hospital-Asilo non van estar rematadas a tempo

“Desde o BNG de Ribadeo demandamos ao alcalde que deixe a mentira e tome cartas no asunto para acelerar o máximo posible as obras”

Ribadeo, 17 de outubro, 2024. Esta semana o grupo municipal do BNG de Ribadeo acudiu ao consistorio despois de que o goberno municipal denegara, por primeira vez, unha copia das certificacións de obra para comprobar o que xa todo o mundo temía: a 1 de Outubro só ía executado o 26,42% do total do orzamento da obra, cando se cumpre un ano do inicio das actuacións que teñen un prazo de execución de 18 meses. As obras deberían estar rematadas o vindeiro mes de marzo.

Segundo declarou Pablo Vizoso: “Despois dos impedimentos que nos intentaron poñer desde o goberno municipal, esta semana acudimos a comprobar o que xa nos temíamos e denunciamos con anterioridade. As obras do Hospital-Asilo van ter moi difícil ser rematadas en tempo e forma. En 12 meses só se executou o 26,42% do total da obra, de aquí a marzo terían que executar un 74%. En tan só 6 meses. Unha vez máis, o alcalde volveu a mentirlle á cara ás ribadenses ao afirmar en varias ocasións que as obras avanzaban a bo ritmo. Nada máis lonxe da realidade, para que as obras estivesen rematadas dentro do prazo tería que multiplicarse por 6 o ritmo de execución dos 12 meses transcurridos, algo que semella practicamente imposible”.

Vizoso engadiu: “Mentres tanto, os usuarios e as usuarias do Hospital-Asilo seguen desprazados lonxe da súas casas e cunha data de volta cada vez máis incerta. Desde o BNG de Ribadeo demandámoslle ao alcalde que deixe de mentir ás persoas usuarias e á veciñanza e tome cartas no asunto para acelerar, o máximo posible, as obras de reforma desta instalación tan importante e esencial para Ribadeo e os seus maiores”.

Exit mobile version