Ribadeo, 9 de outubro, 2024. O BNG de Ribadeo asegura que o actual goberno local non é quen de licitar nin a quinta parte do que licitaba o anterior en 2022 ou 2023. “Ben vimos, ao longo deste mandato que, niso de gastar á mantenta, non hai quen lle gañe a Daniel Vega; outro cantar é licitar obra pública. No primeiro semestre de 2024 apenas van licitados 365.000€ (fronte aos 2.000.000€ do ano 2022 ou os 3.000.000€ do 2023, ambos períodos licitados polo goberno do BNG). Ben vimos tamén, nesta última semana, que seguimos a ter unha atención sanitaria deficiente. Coas fotos das obras de reforma do Hospital Asilo puidemos constatar que o remate das mesmas vai para un tempo moi prolongado. Namentres, o alcalde aproveita calquera escusa para gabarse das súas amizades, pero pouco pode lucir solucións para os problemas que, día a día, atenazan Ribadeo. O que se lle dá moi ben é crear conflitos con outras administracións aínda que sexa a conta do erario público”, apuntan.
“Iso si: cando desde a oposición lle pedimos información sobre a súa xestión, entón, aí, aparecen os problemas. Non vai máis alá de ano e cuarto de mandato, e o goberno municipal xa dá claros síntomas de esgotamento e de necesitar ocultar información. Que queren agochar? Tanto lles doe comprobar nos plenos que estamos en condicións de fiscalizar ben polo miúdo a súa xestión? A verdade é que algunhas facturas chaman ben a nosa atención; e por iso preguntamos por elas. E tamén pola marcha das contas do concello en xeral: ingresos e gastos. Algo ben básico para coñecermos o estado das contas do noso concello. Pois ben: o goberno municipal, co seu alcalde á cabeza, négase a facilitarnos dita información. Por algo será! Non se tratará dalgún consello que lle puidera ter dado M. Rajoy na súa recente visita!”.
“Seguimos a padecer unha atención sanitaria deficitaria e o alcalde só sabe gabarse, en pleno, de que el non se somete a ninguén cando se trata de reclamar máis medios para o noso centro de saúde. Ben pouco lle loce a súa pretendida independencia. A conta atrás para o regreso das nosas persoas maiores á súa residencia habitual, o Hospital Asilo, segue en marcha, pero a realización das obras semella bastante retardada. A sensación con respecto ao gasto, é totalmente inversa: moi acelerada. Xa denunciamos publicamente que se estaban a dedicar remanentes, que se poderían empregar para investimentos, en gasto corrente. Despois, saltan datos como os coñecidos nesta semana: diminución drástica do investimento no ano 2024. As contas, ao remate, van cadrando: o que se gasta en paparotas non pode ir para investimento real e produtivo. E estamos a comezar o segundo ano de mandato!”. “Non pinta nada ben a cousa”, conclúen.