Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña propón un novo modelo de xestión de residuos

A Mariña, 17 de outubro 2024. A pretensión do goberno galego de aprobar un novo taxazo de SOGAMA en 2025, logo da suba xa aprobada en xullo de 2024, suporía un incremento acumulado de máis do 60%: o canon tipo pasaría dos 68 euros/tonelada da primeira metade de 2024 (coa bonificación do 15% máis de 100 concellos pagaban 56 euros) aos 108 euros en 2025.

“Esto suporía un auténtico sablazo e un atraco que merece unha resposta contundente por parte dos concellos” , afirman desde o BNG, que veñen de facer pública na Mariña a súa postura a respecto deste novo ataque á economía dos concellos e das súas veciñas e veciños. Diante da planta de transferencia de Sogama ubicada en Barreiros compareceron membros dos gobernos e cogobernos municipais nacionalistas na comarca, xunto con Lois Pérez Castrillo, membro da executiva nacional do Bng e responsable de política municipal, o responsable comarcal Antonio Veiga, o deputado no Parlamento Daniel Castro e participou tamén Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros que forma parte da executiva da FEGAMP e é a vicepresidenta da Mancomunidade de Municipios da Mariña.

O BNG chama á rebelión dos concellos fronte ás imposicións e os taxazos da Xunta

Como resposta ao sablazo do 30% aprobado en xullo e ao novo taxazo anunciado para o 2025 (que levará o canon a 108 euros por tonelada), o que supón un incremento total de máis do 60% de media en poucos meses (o incremento é maior para os máis de 100 concellos que pagaban un canon bonificado de 56 euros por tonelada a cambio de implantar a recollida separada dos biorresiduos), o BNG está a desenvolver unha intensa e contundente campaña con iniciativas no Parlamento e nos concellos, para que tanto a cámara galega como as corporacións municipais se posicionen en contra deste sablazo acumulado que supón un novo ataque da Xunta ás economías municipais, xa moi deterioradas e mermadas polo déficit de financiamento e pola asunción de novas competencias sen o necesario trasvase de recursos.

“É o momento de dicir basta, de plantarlle cara ás decisións unilaterais e abusivas da Xunta. Por iso chamamos á rebelión democrática dos concellos contra o abuso de poder, a imposición e o desprezo á autonomía municipal” declarou Ana Ermida que denunciou tamén a actitude da Xunta que “en lugar de abrir un debate sobre a cuestión dos residuos e introducir cambios no sistema de xestión para adaptalo ás exixencias da directiva marco de residuos, a Xunta opta por facerlle pagar aos concellos o fracaso dun sistema centralizado, obsoleto, moi costoso e antiecolóxico e opta tamén pola solución fácil: un novo sablazo aos concellos seguindo co seu modus operandi de buscar culpables en lugar de propoñer solucións”

Cara a un novo modelo de xestión dos residuos municipais

Xunto con este rexeitamento aos taxazos de SOGAMA (o aprobado en xullo e o anunciado para 2025), o BNG propón un xiro na política de residuos, primando e incentivando a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe, fronte ao costoso e antiecolóxico sistema SOGAMA baseado na incineración e o vertido, solucións que supoñen o 80% dos residuos tratados nas instalacións de Cerceda e que están penalizadas pola normativa europea.

Non é aceptable que a solución que debería ser prioritaria, a recollida separada e compostaxe dos biorresiduos, supoña un ridículo 0,3% dos residuos xestionados por SOGAMA cando supoñen case o 50% do total dos residuos municipais. “Hai que comezar xa a tomar medidas para avanzar cara ao obxectivo do 55% de reciclaxe establecido pola normativa europea, estatal e galega” concluiu o deputado Daniel Castro.

Exit mobile version