Ribadeo, 23 de outubro, 2024. O BNG explica que no pleno deste martes 22 de outubro, “curiosamente de novo extraordinario, Daniel Vega volveu demostrar que non está capacitado para gobernar o concello de Ribadeo. Comezou o pleno comentando unha cousa e, tras demostrarlle o noso grupo municipal que non era verdade o que dicía, cambiou de opinión e afirmou o contrario, quedando tan pancho”.
“Tamén chama a atención a súa nula capacidade para a xestión da contratación de préstamos bancarios. O grupo municipal do PP acaba de aprobar os pregos para a contratación dun préstamo de 950.000€ con carencia de dous anos. Esta carencia de dous anos vai provocar que o concello de Ribadeo teña que pagar máis xuros dos habituais en comparación con préstamos solicitados anteriormente. Por moito que o alcalde se empeñe, se solicitamos un crédito con carencia de dous anos, sempre pagaremos máis xuros que se o solicitásemos con carencia dun ano. Todo o mundo sabe que, canto máis tardemos en devolver un crédito, máis xuros imos pagar. Ben: todo o mundo menos o alcalde de Ribadeo”.
“Convén aclarar, ademais, que, dada a situación económica do concello (froito do continuo descontrol no gasto), agora só podemos negociar préstamos con un tipo de xuros máis elevado que nos préstamos anteriores. Vai pesando cada vez máis a neglixente xestión de Daniel Vega”.
“Outra cuestión que nos sorprendeu no pleno deste martes 22 de outubro foi a teimuda actitude do alcalde de Ribadeo: empéñase en acaparar as intervencións no pleno e gárrase ao micro como se non houbese un mañá dicindo cousas sen xeito. Tan desbocadas son as súas intervencións que, pasada media hora, ou menos incluso!, ten que dicir o contrario. A nada que o grupo municipal do BNG lle rebata un pouco o que acaba de soster, ponse nervioso e desmente as súas propias palabras: “Eu non dixen iso!”. E pasa a afirmar mesmo o contrario do xa comentado, se lle fai falta, para seguir acaparando a intervención”.
“Isto poderiámolo comprobar todas as veciñas e veciños de Ribadeo se se retransmitisen os plenos tal e como solicitou o grupo municipal do BNG, e foi aprobado, hai máis dun ano. Outro exemplo máis do pouco valor da palabra do actual alcalde de Ribadeo”.