“Farase unha reparación integral do casco do barco, unha actuación que tiñamos xa prevista dende hai tempo, ao tratarse dun barco de madeira con máis de 60 anos”, sinala Ramiro Fernández Rey
“Farase unha reparación integral do casco do barco, unha actuación que tiñamos xa prevista dende hai tempo, ao tratarse dun barco de madeira con máis de 60 anos que precisa dun mantemento importante”, explica o concelleiro de Mar e de Turismo, Ramiro Fernández Rey.
“Cada ano ou cada dous anos faise o pintado do casco, pero cada certo tempo precísase unha actuación máis integral, non é algo habitual pero resulta moi necesario”, indica o edil.
O custo da reparación será de arredor de 30.000€. Consistirá no lixado do barco, a substitución das táboas de madeira situadas debaixo da auga que estean en mal estado, ou o espichado e recravado das táboas que tiveran algún problema.
Tamén se fará o calafeteado do casco, é dicir, meter estopa entre as táboas para evitar a entrada de auga, e finalmente se dará unha capa de imprimación que servirá para conservar as anteriores actuacións.
“Isto para o Concello non é un gasto, se non un investimento para manter o que é a nosa xoia da coroa a nivel turístico e didáctico”, apunta Fernández Rey. “Consevalo é unha prioridade para nós e o demostramos con feitos”, afirma.
“O barco recibe decenas de miles de visitas cada ano, con 5.000 neste 2024, un incremento dun 10% con respecto ao anterior”, apunta Fernández Rey. “Isto é proba de que a xente está interesada na nosa cultura mariñeira, no que ensinamos no barco e na pesca sostible”, engade.
“Dende o Concello queremos darlle as grazas a Lino, o respontable do barco, polo seu labor de mantemento durante todo o inverno, e tamén a asteleiros Armón por darnos todas as facilidades posibles para facer estas reparacións”, conclúe o edil.
O Barco Museo está recoñecido dentro do sistema SICTED promocionado pola mancomunidade de municipios da Mariña, e vén de ser recoñecido tamén por parte da Deputación de Lugo nos seus premios á excelencia turística na categoría de Turismo Sostible polo seu labor divulgativo.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destaca respecto desta distinción que “o Barco Museo sumerxe á persoa asistente nunha experiencia que fala do que fomos e do que somos a xente de Burela”.