Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz mantivo unha reunión de traballo co Delegado do Goberno e responsables de ADIF e Costas polos desprendementos costeiros

Foz, 16 de outubro de 2024. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, xunto á concelleira de Cangas Ana Rojo, mantiveron unha reunión de traballo hoxe, mércores, en Foz co Delegado do Goberno Pedro Blanco; a Subdelegada, Isabel Rodríguez; o xerente da Área de Mantemento de Ourense e P.D. Noroeste de ADIF, Luis Palacios; e o Xefe do Servizo Provincial de Costas, José Miguel Estevan Dols. A xuntanza foi para abordar os desprendementos na costa.

“Estou moi agradecido a Pedro Blanco é á subdelegada por atender a nosa petición e convocar esta reunión de coordinación entre administracións. En marzo deste ano un deslizamento de terreo na praia de Arealonga, entre Fazouro e Nois, obrigounos a desviar o paseo e puxo en risco a vía do ferrocarril. ADIF executou unhas sondaxes xeotécnicas para analizar o terreo e agora cómpre dar unha solución para manter a integridade da vía. Esta reunión con todas as administracións implicadas serviu para informarnos dos estudos realizados e avanzar nas solucións: resultou moi produtiva”, destacou o alcalde.

Na reunión tamén se tratou o estado do paseo marítimo no cala de San Pedro en Cangas. “Este mes remataron as sondaxes xeotécnicas que contratou Costas para o paseo de Cangas. Cos datos obtidos vaise redactar un proxecto construtivo que garanta o paso peonil dunha maneira segura por este punto: nestes momentos estamos a desviar o paso dos peóns por unha nacional cunha elevada densidade de tráfico. Queremos darlle unha solución canto antes e que sexa duradeira no tempo”, afirma o rexedor municipal.

O alcalde de Foz aproveitou a reunión para trasladarlle tamén ao responsable de ADIF as necesidades de mantemento nas cinco estacións e apeadoiros existentes no municipio, que presentan deficiencias de limpeza, iluminación e accesibilidade. “A estación de Foz está illada, non é accesible a pé desde o casco urbano. Plantexamos como posibilidade un paso inferior baixo a estrada nacional. Esta actuación, xunto a unha adecuación do entorno, permitiría facela atractiva para os usuarios”, explica Fran Cajoto.

Exit mobile version