Gustoume esta definición a primeira vez que a escoitei. E chegou o momento de poder empregala.
Fun ao cine a ver Soy Nevenka, e noxo máximo é o que me produce toda esta historia, o abuso de poder e o acoso dun alcalde; as miradas cara outro lado das compañeiras e compañeiros dunha muller, que para poder vivir e seguir respirando tivo que abandonar Ponferrada e España; as críticas dunha sociedade rancia, moi rancia, que prefería fiarse das mentiras e dos bulos dun todopoderoso político e do efecto ventilador, antes que da versión dunha rapaza e novel concelleira.
Noxo máximo é pouco para definir o que sentín ao coñecer esta historia hai máis de 20 anos. Noxo máximo é o que me produce ao lembrar nos documentais e nas entrevistas a prepotencia, a verborrea e as saídas de ton dese individuo, o primeiro político condenado por acoso sexual neste país. Noxo máximo cara un fiscal que tivo que ser apartado do caso e cara unha sentencia que deixa moito que desexar (nove meses de prisión, multa de pouco máis de 6.000, que foron rebaixados a 2.000, e indemnización de 12.000 euros).
Noxo máximo producíronme algún coñecido locutor radiofónico que por aquel entón poñía a man no lume polo acosador e moitas divas xornalistas e o seu tratamento dun caso espeluznante. E noxo máximo tamén cara as persoas, que aínda a día de hoxe, seguen condenando ás vítimas e poñéndose ao lado dos acosadores.
O meu longo aplauso para Nevenka, que foi moi valente, e para todas as persoas que estiveron e están ao seu carón pase o que pase e lle pese a quen lle pese. Como ela tanto insistiu, por dignidade!!!
Carmen Cruzado (Xornalista)