Hoxe, as familias, profesorado E comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz reunímonos de novo para reclamar solucións inmediatas á situación de abandono que está a vivir o noso colexio. Dende o inicio do curso, vimos denunciando a falta de recursos que afecta directamente á calidade educativa dos nosos fillos e fillas, sen obter respostas claras por parte da Xunta de Galicia. E hoxe, chegamos ao límite.
As familias estamos fartas de esperar, e tomamos unha decisión firme: Se a Xunta non ofrece unha solución inmediata ás nosas demandas, a partir do martes deixaremos de enviar aos nosos nenos e nenas ao colexio. Iniciaremos unha folga indefinida ata que se atenda de forma urxente a situación do noso centro.
Non queremos máis escusas nin mentiras! Desde a inspección educativa de Lugo dixéronnos que enviaron un informe favorable a Santiago, recoñecendo a necesidade dun especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT) no noso colexio. Non obstante, seguimos sen resposta e sen solucións. Esta falta de atención por parte da Xefatura territorial de Lugo é inaceptable pois nin sequera se dignan a atender as nosas chamadas.
A semana pasada, escoitamos ademais as declaracións do conselleiro Román Rodríguez no Parlamento de Galicia, afirmando que a situación está controlada, cando sabemos que isto é faltar á verdade. O conselleiro afirmou que este ano a especialista en PT foi substituída por unha en Audición e Linguaxe (AL), e que o ano pasado a PT só atendía a un alumno. Isto non é certo! E eles xa o saben porque estaba nos informes enviados polo centro! Xa tiñamos unha especialista en AL o ano pasado, e a PT atendía a máis dun alumno. Estas manipulacións da realidade son un insulto á nosa comunidade educativa e non o imos tolerar.
As familias de Alfoz esiximos solucións reais e inmediatas. Queremos que a Xunta cumpra os acordos asinados e non aceitamos máis atrasos nin interpretacións progresivas que só demoren o que nos pertence. O futuro educativo dos nosos nenos e nenas non pode esperar.
Se non recibimos unha resposta clara e inmediata, tomaremos medidas drásticas. Como dixemos, a partir de mañá martes, ningún neno ou nena do CEIP Castro de Ouro asistirá ao colexio ata que se resolvan os problemas que levan desde o inicio de curso sen ser atendidos. Non tomamos esta decisión á lixeira, pero non nos deixan outra opción. A educación dos nosos fillos é o máis importante, e non imos permitir que siga sendo ignorada.
Non imos ceder ata que se resolva esta situación. Queremos respostas, non máis mentiras.
ALFOZ NON SE RENDE E DI NON AOS RECORTES NO CEIP CASTRO DE OURO DE ALFOZ. POR UN ENSINO DE CALIDADE