UN MAR DE ARTISTAS
Realización de murais nas fachadas frontal e lateral da Confraría. O lateral está inspirado nun primero deseñado polo alumnado de Belas Artes do IES MONTE CASTELO e o frontal baséase en adaptacións artísticas de fotografías reais. A dirección corre a cargo do artista local Martín Lestao, que para a súa execución conta cos artistas locais Belén Mogo, Héctor Manasé e Diego Domínguez, onde se combina arte coa historia do porto de Burela e que honra a mulleres e homes do mar de Burela, facendo un guiño ao respecto ao medio mariño, as súas especies e aos océanos. Xunto ao Torques, podemos atopar sereos, persoas de distintas nacionalidades, etc. plasmando a multiculturalidade de Burela que tamén se traduce no sector do mar.
As paredes convértense en auténticas pezas de artesanía, empregando varias técnicas como debuxo, teselas e grafiti. Así mesmo, o mural conta con alumeado de enerxía solar renovable, promovendo a eficiencia, rentabilidade e sosteñibilidade do medio ambiente.
Esta actividade promove a inclusión real e efectiva, posto que conta coa colaboración de entidades locais do ámbito social: Saúde Mental A Mariña, Coidando de Vos, AFAN, Fundación Eu Son e Residencia e Centro de Día da Terceira Idade de Burela, quenes a través de varias master class deixaron a súa pegada nos murais, polo que se trata dun proxecto totalmente inclusivo.
“Queremos que todas as persoas accedan ao arte e á cultura e, por iso, estamos adaptando as producións artísticas dos murais, para que as persoas con discapacidade visual poidan gozar das mesmas, promovendo unha cultura mariñeira inclusiva e convertendo a Confraría nunha institución accesible para todas as persoas. Para iso, colocaremos dous paneis táctiles accesibles realizados con braille e altorrelieve para toda tipoloxía de público, incluíndo persoas con discapacidade visual”.
“Entendemos que a accesibilidade debe de estar presente en todos os ámbitos da vida e, por iso, transformamos este entorno para favorecer a igualdade de oportunidades entre todas as persoas. Trátase de facilitar o acceso a todas as persoas á información sen barreiras, contribuíndo así á cultura accesible”.
100 ANOS, TEN HISTORIA
Realización de audiovisual conmemorativo do Centenario, onde se fai un percorrido pola historia da Confraría e do pobo, desde a Burela de principios de século, os seus barrios e a súa tradición mariñeira, ata a Burela do século XXI:
– A constitución da Confraría no ano 1923
– O crecemento do porto e a mellora das instalacións
– A modernización da flota
– Os sucesos máis relevantes nestes 100 anos de historia
– As súas xentes e o papel da muller na actividade vinculada ao mar
– Os presidentes e patróns que dirixiron o Pósito e a Confraría
– A labor social da Confraría dentro da historia do pobo
Contouse coas testemuñas dos seus principais protagonistas, a recuperación e dixitalización de material gráfico e audiovisual de gran valor histórico. O audiovisual tamén contén os actos mais salientables e significativos do seu centenario, para que no seu bicentenario “os nosos sucesores e sucesoras saiban como o celebramos na actualidade e sirva de soporte de estudio nos vindeiros anos”.
LIBRO DOS 100 ANOS DA CONFRARÍA DE PESCADORES DE BURELA
Libro para desfrutar e visualizar a historia da Confraría durante os 100 anos de vida e a súa aportación socioeconómica e labor social, contribuíndo a facer a Burela que hoxe en día coñecemos, así como un recopilatorio de todas as actividades realizadas co gaio do seu Centenario. A través do libriño tamén se levará a cabo unha homenaxe aos náufragos de Burela.