Site icon Crónica3.com A Mariña

“Nós e ti”, por Antonio Gregorio Montes

Non, o título non trata da antiga revista Nós, nin tampouco (aínda que algo si) do nós como conxunto galego, senón dun proxecto de promoción da intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, conxunto entre a Universidade de Compostela a través do CITIUS e a Xunta de Galicia co ILG, usando o sistema e repositorio commonvoice da Mozilla Foundation (os mantedores do navegador Firefox, entre outros programas libres de uso común).

O proxecto Nós remata de pasar por Ribadeo recollendo voces. Sons necesarios para que a IA fale galego, poda traducir, ler un texto ou escribir a ditado. Na rede pódese procurar unha morea de información sobre o que están a facer, dende o que é o proxecto (https://huggingface.co/proxectonos) ó repositorio de voces galegas recollidas ata o momento (https://commonvoice.mozilla.org/gl/datasets), pasando polos aínda nacentes programas experimentais de tradución (https://tradutor.nos.gal/traducir/index), recoñecemento da fala (https://asr.nos.gal/), sintetizador de voz (https://tts.nos.gal/) ou o sistema de recollida de voces (https://commonvoice.mozilla.org/gl/speak ou en https://doagalego.nos.gal/). Sistema este último no que te podes rexistrar e gravar dende unhas poucas frases a horas de lectura, e que se se usara abondo, evitaría ter que facer encontros como o mantido en Ribadeo para potenciar a necesaria recollida de voces.

Entendo que o proxecto solapa nalgures con outros existentes no país, como no caso da tradución co tradutor apertium (https://beta.apertium.org/index.glg.html#?dir=glg-eng&q=vuelapluma) que en Galicia levaba a Universidade de Vigo. Solapa a conto do xurdimento da IA, á que se lle supón que mellorará todos estes tipos de programas, unha vez feita a colleita de inxentes cantidades de datos diversos. De aí o novo proxecto e o paso da xente do Proxecto Nós por Ribadeo e outros lugares.

O proxecto é de beneficio xeral. Xa, dende agora mesmo, calquera pode usar libremente os datos que se van almacenando na Fundación Mozilla, e esa apertura e liberdade, na estela do software libre, está demostrado que é un puntal máis non só para o seu rendemento actual ou próximo, senón tamén para o seu medre futuro. Claro que que un proxecto sexa de software libre e con apoio institucional non implica que sempre vaia funcionar ben; esperemos que desta volta siga a liña maioritaria de proxectos deste tipo e produza bos rendementos sociais e económicos.

De xeito independente ó anterior, por outra banda, o incluír a propia voz nun proxecto común, a máis da creación e participación comunitaria, ten sempre algo de particular, de proxección propia cara ó futuro. Anímaste a participar?

Exit mobile version