A recuperación destes edificios na rúa Álvaro Cunqueiro, “moi necesitada de actuacións de rehabilitación”, permitirá habilitar catro vivendas de promoción pública e un local para artistas
Mondoñedo, 30 de outubro de 2024. O Concello de Mondoñedo avanza no programa Rexurbe outorgando dúas licencias máis ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a rehabilitación de dous inmobles na rúa Álvaro Cunqueiro, que une o barrio dos Muíños coa praza da Catedral e que é unha zona “moi necesitada de intervención en rehabilitación”. O investimento para o proxecto de rehabilitación dos edificios para habilitar catro vivendas e un local para artistas supera os 725.000 €.
As dúas edificacións que serán obxecto de mellora están situadas nos números 12 e 34 da rúa Álvaro Cunqueiro, que se inclúe dentro do Conxunto Histórico de Mondoñedo e no trazado do Camiño Norte, declarado Ben de Interese Cultural.
Os inmobles foran adquiridos pola Xunta de Galicia no marco do programa Rexurbe, mediante o que merca inmobles en conxuntos históricos para a súa posterior rehabilitación como vivendas de réxime de alugueiro social.
A proxecto contempla un investimento de preto de 400.000 € (396.611,50€) na edificación da rúa Álvaro Cunqueiro número 12 para dar paso, unha vez reformado, a vivendas na planta primeira e segunda e residencial de categoría 2ª cun espazo común na planta baixa.
A intervención na edificación do número 34 alcanza os 330.000€ para habilitar dúas vivendas de dous dormitorios con accesos diferenciados: unha en catro niveis e con acceso dende a rúa Álvaro Cunqueiro e outra en dúas plantas e con acceso dende Camiño Pardiñas.
O goberno local amosa unha vez máis o seu “compromiso coa rehabilitación e a posta en valor do noso casco histórico”, unha das liñas de traballo que recolle a segunda fase plan ‘Mondoñedo, Municipio para Investir’. Tamén destacan que “a través da Área Rexurbe, o Concello atrae investimento da Xunta de Galicia para poñer vivendas a disposición das familias e favorecer o asentamento de poboación”.
Área Rexurbe
O Concello de Mondoñedo foi o primeiro de Galicia, en febreiro do 2020, en ter declarada unha Área Rexurbe que comprende o conxunto histórico do municipio e unha zona contigua que, na súa totalidade, supón unha superficie de 0,45 km2 na que se localizan 704 edificios e 915 vivendas.