Viveiro, 18 de outubro de 2024. María Loureiro demandou hoxe de novo “a transferencia ao Concello de Viveiro das zonas que deixaron de ter uso portuario, sobre todo o Casino e o muelle, para darlles uso social e poder humanizalas”.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apoiou hoxe en Viveiro esta reivindicación da alcaldesa.
“Na zona de Lodeiro fixemos as beirarrúas, instalamos a pista de skate park ou o novo edificio da Seguridade Social, pero queremos continuar mellorando esta parte do concello”, engadiu Loureiro.
O secretario xeral do PSdeG criticou en Viveiro que máis de 500.000 metros cadrados repartidos por unha trintena de municipios galegos permanecen baixo a xestión de Portos de Galicia, pese a estar integrados nas vilas e carecer de actividade portuaria.
“Son terreos como estes de Viveiro que si poden e deben ser usados polos concellos para compretar as súas mallas urbanas e para darlles utilidade creando servizos para a veciñanza”, asegurou.
Loureiro e Besteiro reclamaron que as administracións autonómica e estatal aproveiten a transferencia da xestión do litoral para incluír a devolución aos municipios de zonas por cuxo uso a Xunta está a impoñer taxas sen asumir o seu mantemento.
“É o momento para que a comisión mixta entre Xunta e Estado trate a devolución aos concellos dos terreos portuarios que xa non están sendo utilizados para esas actividades”, remataron María Loureiro e José Ramón Gómez Besteiro.