Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 170 lucenses viaxan esta semana co Coñece a túa provincia da Deputación

Oito colectivos de concellos do Corgo, Barreiros, Riotorto, Alfoz, Lugo, O Vicedo e Meira participarán ata o venres nesta iniciativa de viaxes gratuítas da institución provincial que pretende dinamizar a economía local e dar a coñecer o patrimonio da provincia

Lugo, 22 de outubro de 2024. Máis de 170 veciños e veciñas de oito entidades da provincia de Lugo participan esta semana no programa Coñece a túa provincia que impulsa a Deputación de Lugo. Os viaxeiros dos colectivos participantes veñen dos concellos do Corgo, Barreiros, Riotorto, Alfoz, Lugo, O Vicedo e Meira. Os grupos coñecerán o patrimonio natural e cultural dunha ducia de municipios lucenses a través de distintos itinerarios.

Os veciños de Piñeiro-Quetesende Laxe Blanca, do Corgo, son os primeiros este martes en viaxar ata A Mariña para coñecer o municipio do Vicedo, onde fixeron unha visita ás pontes do río Sor e unha ruta polas praias vicedenses. Ese mesmo día, o colectivo veciñal de Celeiros de Mariñaos, de Barreiros, que foron recibidos no Pazo de San Marcos polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, fixo o itinerario de Portomarín e Paradela que inclúe unha visita ao castro de Castromaior e visita á igrexa de Santa María de Ferreirós no Camiño Francés.

O mércores, a asociación de Veciños Ferreiravella, de Riotorto, descubriu o traballo que se desenvolveu na produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo, antes de partir cara Ribas de Sil e Quiroga, mentres que os veciños de San Mamede das Oiras (Alfoz) percorreron a Granxa Gayoso Castro para continuar a súa ruta polos municipios de Portomarín e Paradela.

O xoves, a Federación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Avantar de Lugo (Lugo) elixiron coñecer a ruta que inclúe unha visita ao casco antigo de Chantada e a unha adega do Saviñao. Pola súa parte, nesa xornada a Asociación de Veciños de Santa Marta de Meilán (Riotorto) achegáronse ata a aldea do Cebreiro, visitaron unha queixería en Pedrafita, e o castelo de Doiras, en Cervantes.

Por último, o venres, a asociación de Veciños de San Román (O Vicedo) e a de Mulleres Rurais (Meira) saíron do Centro de Interpretación Terras do Miño rumbo aos seus destinos. Os primeiros visitaron Sober, e os segundos desprazáronse ata Monforte de Lemos.

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.

Exit mobile version