Insiste na necesidade de modificar o Estatuto dos Consumidores Electrointensivos, de abaratar os prezos da enerxía e de desbloquear os parques eólicos de competencia estatal “porque todas estas cuestións son vitais para o futuro da factoría”
Este anuncio únese ao da obtención, por parte do proxecto de recrecido da balsa de lodos de Alcoa, da Declaración de Impacto Ambiental (DIA). “Outra boa nova – destacaba Lorenzana – porque vai permitir que se leve a cabo unha actuación que é vital para que a planta poida continuar coa súa actividade”. Ademais, insistiu “todos os parques eólicos dependentes da Xunta de Galicia dispoñen xa de DIA, o que reafirma que o Goberno autonómico ten os deberes feitos”.
A conselleira de Economía e Industria reiterou a necesidade de convocar canto antes a Mesa de Seguimento, solicitada hai máis dun mes polo Goberno galego á Secretaria de Estado do Ministerio de Industria, e insistiu na urxencia de abaratar o prezo da enerxía e de ofrecer un marco enerxético estable e competitivo para a industria electrointensiva “para o que é fundamental abordar dunha vez por todas a modificación do Estatuto dos Consumidores Electrointensivos”, engadiu.
María Jesús Lorenzana aproveitou para reclamar ao Goberno central que amplíe as compensacións polas emisións de CO2 ata os 850M€ permitidos “para que as nosas empresas poidan competir en igualdade de condicións coa industria do resto de Europa”. E, ao fío, lembrou que aínda está pendente de resolver a situación daqueles parques de Alcoa de competencia estatal que tiñan decaídos os seus permisos de acceso e conexión e para os que estaba comprometida unha solución por parte do Ministerio de Transición Xusta que aínda non se produciu