Site icon Crónica3.com A Mariña

Javier Arias lamenta que o alcalde de Trabada se esqueza da Xunta cando visita actuacións subvencionadas polo goberno autonómico

Lugo, 3 de outubro de 2024.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lamenta que o alcalde de Trabada se esqueza da Xunta de Galicia nas visitas que vén de realizar a actuacións que remataron recentemente no concello e que foron subvencionadas case na súa totalidade polo Goberno autonómico.

Javier Arias lembra que a construción da área recreativa de Vilapena contou cunha achega de 30.000 euros por parte da Xunta, a través dunha liña de axudas para a mellora de infraestruturas turísticas nos concellos, e que a rehabilitación da antiga escola unitaria da parroquia de Vidal recibiu 46.286 euros do Goberno autonómico, o que supón case o 90% do seu custe total. Neste caso tratouse dunha orde de axudas do Instituto Galego de Vivenda e Solo para destinar as instalacións a vivenda pública en réxime de alugueiro social, fomentando que unha nova familia poida vivir no noso rural.

O delegado afea ao rexedor de Trabada que non teña convidado a ningún representante da Xunta na súa recente visita a estas obras. “Confiamos en que se nos convide cando se acheguen a comprobar o resultado doutras actuacións que se están levando a cabo no municipio e nos que Xunta fixo tamén un investimento importante”, dixo. Neste senso, referiuse aos máis de 35.000 euros que o Goberno autonómico destinou a cubrir o parque infantil da localidade ou os máis de 55.000 euros achegados a través do Plan Marco de Camiños.

Exit mobile version