A subdelegada e a alcaldesa presentaron o recital ‘Irmás Sonoras’ organizado no Vello Cárcere co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero
Lugo, 29 de outubro de 2024. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, aseverou hoxe que “é o momento” de que se fale de violencia machista, de que se denuncien todas as agresións e de que a sociedade e os poderes públicos apoien expresamente a todas a vítimas da violencia machista: “Non é o momento de calar”. Así se manifestou na presentación do recital perfo-poético ‘Irmás Sonoras’, que se celebrou esta mañá no centro cultural do Vello Cárcere, na cidade de Lugo.
Isabel Rodríguez remarcou que “debemos ser nós, as mulleres e os homes que estamos en cargos públicos, as primeiras altofalantes destas denuncias. E máis aínda, debemos ser as primeiras e os primeiros en dar exemplo deste compromiso”. Lembrou que o Goberno de España comparte esta prioridade, “a de facilitar canles axeitadas e seguras para a voz das mulleres vítimas de violencia ou acoso e a de proporcionar ferramentas e apoio para saír desta espiral”. Tamén insistiu na “persecución dos homes maltratadores, con ferramentas legais e policiais, e de todos aqueles que ocultan esta tremenda realidade”, subliñando a necesidade de “frear aos que promoven o silencio cómplice”.
A subdelegada puxo en valor o papel da cultura, “unha das ferramentas máis poderosas que temos para avanzar como sociedade”, para trasladar mensaxes de igualdade e para concienciar á xente sobre a lacra da violencia de xénero e os seus efectos.
Xunto á subdelegada, tamén participou a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, a quen Isabel Rodríguez agradeceu a colaboración permanente do Goberno Municipal na promoción das políticas de igualdade.
Recital perfo-poético
A Delegación do Goberno en Galicia uniuse hoxe en Lugo a sete artistas galegas no recital ‘Irmás Sonoras’ para impulsar desde a cultura a loita da sociedade contra a violencia machista.
Este acto, que se celebra por segundo ano consecutivo, conxugou nesta ocasión a palabra, a música e a danza. A intervención foi deseñada e dirixida pola poeta Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023. Nel participaron as poetas e xornalistas Olalla Cociña e Nieves Neira, a escritora e tradutora Tamara Andrés, así como con Olga Novo e Chus Pato, galardoadas co Premio Nacional de Poesía no 2020 e neste 2024, respectivamente.
As escritoras foron saíndo unha a unha das celdas, que aínda permanecen simbolicamente no edificio, lendo un fragmento da súa obra sobre a muller, o machismo e as trabas que teñen as vítimas na sociedade. Mentres facían esta intervención, a artista Neves Seara realizaba unha perfomance. O acto rematou coa lectura a unha mesma voz do poema ‘Matria’, dando sentido ao título do acto: ‘Irmás Sonoras’.
Programación Anual ao redor do 25 de Novembro
O recital de hoxe forma parte da programación anual da Delegación do Goberno en Galicia ao redor do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia sobre as Mulleres, que pode consultarse nesta ligazón.
Entre as próximas accións convocadas destaca que o día 5 de novembro se vai celebrar a quinta edición da xornada formativa a persoal de Garda Civil, Policía Nacional e Policías Locais de Galicia que está dedicado a tarefas de seguimento e protección de vítimas de violencia machista. O día 15 de novembro celebrarase na Coruña unha acción artística e formativa a cargo de Bea Lema, ilustradora coruñesa e Premio Nacional de Cómic.
Os actos centrais do programa celebraranse na semana do 25N e culminarán na entrega dos recoñecementos ‘Meninas’ de Galicia, que concede a Delegación do Goberno e que este ano alcanzan a súa sétima edición. O delegado do Goberno lembrou que estes galardóns recoñecen a persoas e entidades a nivel autonómico e provincial que se distinguiron polo seu compromiso na loita pola igualdade e contra a violencia machista.