Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez destaca o compromiso do Goberno coas persoas maiores a través da suba das pensións, o incremento do sistema de dependencia e o fortalecemento da seguridade

Tamén sinalou o incremento do sistema de dependencia e os esforzos do Goberno por incrementar a seguridade dos maiores para garantir un envellecemento pleno e activo

Lugo, 1 de outubro de 2024. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou esta mañá con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores a importancia de garantir un envellecemento activo e saudable, subliñando as políticas impulsadas polo Goberno en favor desta parte fundamental da sociedade. Durante a conferencia impartida polo formador, organizado polo Concello de Lugo a través da área de Benestar Social e Maiores, dirixido por Olga López Racamonde, e en colaboración coa Policía Nacional, a subdelegada puxo en valor as medidas adoptadas polo Goberno nos últimos anos para mellorar a vida das persoas de avanzada idade.

Un dos puntos principais mencionados pola subdelegada na súa intervención foi o incremento do 8,5% nas pensións (un 3,8% no último ano) que beneficiou a máis de 114.000 persoas maiores na provincia de Lugo, asegurando unha mellora nas súas condicións de vida. Ademais, destacou o reforzo do sistema de dependencia, que experimentou un aumento do 152% desde o ano 2018, proporcionando un maior apoio a aqueles que necesitan asistencia nesta etapa vital. “Estas políticas son unha mostra do compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa protección das persoas maiores”, remarcou.
Ademais, salientou a necesidade de non concibir a vellez como un período de declive, senón como unha etapa na que se deben promover a calidade de vida, a seguridade e o benestar. Segundo indicou, “é fundamental fomentar a participación activa das persoas maiores na sociedade, asegurando que poidan gozar dun envellecemento saudable e pleno”. O Goberno traballa para garantir que as persoas maiores dispoñan dos recursos e servizos necesarios para manterse activas e seguras na súa vida diaria.

Colaboración institucional

Na súa alocución, a subdelegada tamén destacou o traballo conxunto entre as institucións, como o programa do Plan Director da Policía Nacional, que ofrece formación a persoas maiores para previr situacións de risco, tales como estafas ou abusos. “Estas charlas formativas, como a impartida nesta ocasión por Rubén Darío Vega, formador da Policía Nacional, son fundamentais para reducir a vulnerabilidade das persoas maiores nunha contorna cada vez máis complexa”. A subdelegada eloxiou a colaboración institucional na protección e seguridade deste colectivo.

Nas súas palabras de peche, a subdelegada insistiu en que o Goberno seguirá traballando para mellorar a vida das persoas maiores, combatendo problemas como a soidade e asegurando un envellecemento digno, activo e protexido para todos.

Exit mobile version