A subdelegada celebrou a posta en marcha desta segunda convocatoria, que beneficiará a 350 persoas que recibirán formación de balde sobre ciberseguridade, automatización de procesos, facturación electrónica ou acceso a subvencións
Durante o encontro, Rodríguez subliñou a importancia da nova convocatoria de axudas, que permitirá a 350 persoas recibir formación “sobre cuestións fundamentais como ciberseguridade, facturación electrónica, automatización de procesos ou acceso a subvencións”. Esta formación está dirixida tanto a autónomos e autónomas como aos traballadores/as das peme que necesiten actualizar ou desenvolver competencias en dixitalización, co fin de mellorar o rendemento das súas empresas.
“O Goberno está comprometido con proporcionar ao tecido empresarial as ferramentas necesarias para adaptarse á contorna dixital. Este programa non só incrementará as competencias dixitais, senón que tamén contribuirá a mellorar a produtividade e competitividade das empresas, impulsando o seu crecemento e a súa capacidade para competir en mercados internacionais”, sinalou Rodríguez.
Con esta nova convocatoria prestarase especial atención ao rural “á hora de captar alumnado interesado co fin de facilitar os procesos, por exemplo, no sector da agricultura e a gandería á hora de actualizar o caderno dixital de obrigado cumprimento”. Tanto a subdelegada como a empresa adxudicataria lembraron que estas formacións son de balde e que se poderán adaptar ás necesidades concretas de cada peme.