As obras foron financiadas integramente pola Deputación de Lugo, cun orzamento de 173.501,90€
Burela, 14 de outubro de 2024. O Concello de Burela inaugurou o novo céspede do campo de herba artificial da Marosa xunto a representantes dos equipos que fan uso das instalacións.
A obra foi subvencionada pola Deputación de Lugo, que aportou integramente os 173.501,90€ que custaron os traballos. A empresa encargada de executalos foi Serviplustotal SL.
Estiveron presentes en representación do Concello no acto o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey; o concelleiro de Deportes, Carlos Méndez; o concelleiro de Mocidade, Mario Pillado; e a alcaldesa de Burela, Carmela López.
Tamén acudiron ao acto de inauguración representantes da SD Burela, AFD Burela e Veteranos Burela, así como integrantes do equipo infantil, que puideron estrear nese momento o novo céspede.
Carlos Méndez sinalou que “a renovación do campo era moi necesaria e permitirá aos equipos do municipio desenvolver a súa actividade nas mellores condicións posibles”.
Ramiro Fernández Rey, pola súa banda, agradeceu á Deputación “os seus investimentos en Burela e nos concellos da provincia, que resultan fundamentais para sacar adiante obras como estas”.
A alcaldesa Carmela López explicou que “a Deputación colaborará tamén co Concello no acondicionamento dun local nas instalacións da Marosa, autorizando a destinar preto de 50.000€ de remanentes dunha achega da institución provincial para mellorar este espazo”.