Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia aposta por mellorar a accesibilidade á formación pesqueira así como novas axudas de apoio para promover o embarque de novos profesionais

A Xunta traslada este paquete de medidas á Comisión de Asuntos Sociais do Comité Consultivo do Sector Pesqueiro celebrada en Madrid para abordar o reto da remuda xeracional

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2024. O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participa este luns na Comisión de Asuntos Sociais do Comité Consultivo do Sector Pesqueiro para abordar o reto da remuda xeración. No encontro, que terá lugar sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en Madrid, a Consellería do Mar vai a trasladar a folla de ruta coa que se traballa no Goberno galego cun ambicioso paquete de medidas enfocadas á adecuación da formación á realidade e necesidades do sector.

O obxectivo e fomentar a cobertura das fendas operativas ou económicas que impiden ou obstaculizan a mellora da capacitación profesional. Desde Galicia se aposta por revisar e adaptar os procesos de formación coa inclusión de maior actividade a bordo dos buques á vez que se adecúa a actividade lectiva ás demandas reais da actividade pesqueira. Ademais, procúrase complementar a actividade formativa presencial con cursos en liña dirixidos especialmente a persoas de terceiros países que desexen embarcar en buques galegos.

Por outra banda, o Goberno galego ten no horizonte promover liñas de axuda aos armadores e patróns que embarquen e formen a alumnado das escolas náutico-pesqueiras galegas de xeito que non supoñan cargas económicas adicionais para eles e compensen o tempo empregado na formación. Tamén se recollen apoios económicos que permitan complementar o salario percibido nos períodos obrigatorios de embarque para dispoñer dos títulos por parte dos profesionais que cursen formación marítimo-pesqueira e se enrolen en buques pesqueiros.

Por último, a Consellería do Mar traballa na creación de becas que acheguen ingresos mínimos ao alumnado mentres cursan formación non regrada no ámbito pesqueiro. Esta medida está especialmente pensada para aqueles casos onde as persoas teñen cargas familiares. Deste xeito se potencia e fomenta a formación continua dos traballadores do mar reforzando a súa capacitación profesional.

Estas propostas, trasladadas ante o Ministerio, teñen como meta atallar a remuda xeracional, un dos principais desafíos aos que se enfronta o sector pesqueiro, permitindo a incorporación de novos traballadores á frota galega. A Xunta procura con estas medidas atender as demandas trasladadas polo propio sector para garantir a cobertura de man de obra cualificada para unha actividade económica estratéxica para Galicia.

Exit mobile version