Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz participa na XIII Limpeza Simultánea de Praias coordinada por ADEGA

Foz, 29 de outubro, 2024. Foz vén de celebrar a XIII Limpeza Simultánea de Praias xunto con outros 28 concellos de toda Galiza. A Aula Universitaria da UNED e o IES de Foz, en concreto alumnado de 4º de ESO, participaron sumándose á campaña de forma conxunta. As dúas institucións están comprometidas cos valores medioambientais e xuntas realizaron esta colaboración co fin de divulgar e difundir o coidado do entorno mariño. A limpeza, realizada na praia da Rapadoira este luns, 28 de outubro, mobilizou a un número total de 37 voluntarios e voluntarias que se desprazaron para deixar o areal libre de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social. Recolleron un total de 80 quilos de lixo.

Pódese consultar na práxina web de ADEGA o mapa das limpezas no que se especifica onde se celebrou cada unha e as entidades participantes e colaboradoras.

Con este tipo de accións, preténdese poñer o foco sobre a problemática dos residuos nas nosas praias despois da tempada estival así como a importancia de conservar os nosos areais libres de lixo, evitando que acabe no mar.

Ademais, as tres entidades inciden en que as limpezas de praias non deben de ser feitos illados e convidan a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida e de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita.

Exit mobile version