Site icon Crónica3.com A Mariña

O Xeoparque de Cabo Ortegal, un revulsivo para a xeración de proxectos ligados á economía azul sostible

Valdoviño, 31 de outubro, 2024. No día de onte tivo lugar no Océano Surf Museo de Valdoviño o terceiro dos parladoiros das xornadas de Divulgación da Estratexia do GALP A Mariña Ortegal, que abordaba a temática do turismo azul sostible. O acto, presidido polo alcalde de Valdoviño, Alberto González, contou coa presenza da Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, quen sinalou o potencial existente na zona para impulsar proxectos vinculados á economía azul sostible, aproveitando ou recursos e o patrimonio do territorio, poñéndoos en valor a través de iniciativas, como por exemplo, o turismo mariñeiro.

Pablo Diego Moreda, alcalde de Cedeira e representante da asociación de concellos impulsores do Xeoparque do Cabo Ortegal, foi o encargado de abrir os relatorios da xornada. Na súa intervención, ademais de explicar a evolución deste proceso que rematou coa Declaración de Xeoparque por parte da Unesco, puxo de relevo que o Xeoparque supón cara ao futuro un importante reto para dinamizar o conxunto de concellos que participan: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño. A zona conta cun alto potencial a nivel xeolóxico, que debe ser aproveitado, coma motor de xeración de novas iniciativas, que contribúan á fixación de poboación no territorio.

Doutor en xeoloxía pola Universidade de Oviedo, Fran Canosa, fixo unha reflexión do potencial a nivel xeolóxico que ten o Xeoparque e as implicacións a nivel local, tendo como referencia outras experiencias postas en marcha. En España existen 17 xeoparques catalogados, se ben Ortegal ten unhas singularidades a nivel dos recursos xeolóxicos que o fan único e diferente. Divulgar este patrimonio, poñelo en valor e sobre todo preservalo, é necesario, se queremos que se manteña no tempo, xa que as intervencións non respectuosas co medio natural son irreversibles. Estase traballando nesta liña, onde o xeoturismo é unha importante vía de financiamento para poñer en valor esta zona e a enorme riqueza xeolóxica que atesoura.

Outra experiencia que se presentou na xornada foi a de Maremasma, onde o biólogo Mariño especializado en biodiversidade e conservación mariña e promotor do proxecto, Carlos Gil, presentou o turismo activo e de natureza, como un motor de dinamización económica na zona da Mariña Lucense. Este proxecto, que nace en Foz en 2014, é apoiado inicialmente polo programa de axudas do GALP da Mariña Ortegal. Ofertan unha proposta de turismo diferente e alternativa para todas as persoas interesadas en coñecer o potencial da costa da Mariña e o seu fondo mariño. Facendo rutas a bordo de embarcacións para coñecer a praia das Catedrais, realizando actividades náuticas, ou de mergullo, esta empresa mantense coma unha referencia na zona, onde o turismo deste tipo está medrando nos últimos anos. Actualmente teñen unha alta demanda na tempada de verán, pero desenvolven tamén actividades de divulgación e organización de eventos na época de inverno, desestacionalizando deste xeito a súa oferta de actividades para diferentes públicos.

Neste contexto, o turismo azul sostible, é unha vía alternativa na que deben ir traballando os diferentes colectivos profesionais que desenvolven actividades no sector pesqueiro. O crecemento da demanda turística nesta zona é unha oportunidade para impulsar iniciativas de turismo que supoñan unha vía complementaria de obtención de recursos, que lles permitan ás profesionais do sector, seguir desenvolvendo a súa actividade no territorio ao tempo que a diversifican. Canta máis conexión se procure entre as entidades do territorio, e máis traballo en rede se faga, máis se van a beneficiar as persoas que seguen apostando pola vida ligada ao sector pesqueiro e ás súas actividades produtivas.

Ao longo do mes de novembro continuarán os Parladoiros do proxecto Vixía Mar Aberto, nos concellos de Xove, Cariño e Cervo, onde se seguiran presentando experiencias de referencia en diferentes ámbitos, ao obxecto de potenciar o coñecemento do programa de axudas do GALP, como ferramenta para apoiar o xurdimento de iniciativas empresariais ligadas ao mar e aos seus recursos.

Exit mobile version