Site icon Crónica3.com A Mariña

Este venres arrincan en Ribadeo as XIX Xornadas ‘Mar por Medio’

Ribadeo, 3 de outubro de 2024. Mañá arrincan en Ribadeo as XIX Xornadas Mar por Medio. Ata o domingo haberá conferencias, mesa redonda, exposicións, documental e actuacións musicais.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, explicou que “esta fin de semana terán lugar en Ribadeo as Xornadas Mar por Medio na súa edición número 19. Comezarán ás 10:15 horas do venres co acto inaugural presidido polo conselleiro de Cultura, José López Campos. A continuación, a conferencia inaugural será impartida por don Francisco José Prieto Fernández, arcebispo de Santiago de Compostela, co título Os Camiños de Santiago e a Igrexa. Esta conferencia está enmarcada no título xenérico Os Camiños de Santiago, itinerarios de espiritualidade, tradición e cultura”.

A edil ribadense seguiu a relatar que “outras ponencias versarán sobre as asociacións xacobeas, as revistas especializadas, o cine e a comunicación, os Camiños de Santiago en Asturias, xa que colaboran tanto a Universidade de Santiago de Compostela como a Universidade de Oviedo, e un fenómeno que se está dando na actualidade que é a turistificación do Camiño. Paralelamente, teremos actividades culturais, comezando o venres ás oito e media da tarde co concerto da Coral Polifónica da Ribadeo na igrexa parroquial. O sábado, ás oito, teremos un concerto documental sobre Elías Valiña, o inventor das frechas amarelas que nos levan a Santiago. E o domingo pechará as xornadas, á unha da tarde, Manoele de Felisa nun concerto de Música no Camiño”.

Sanjurjo indicou que “as persoas que queiran inscribirse poden facelo a través da páxina web academiaxacobea.gal e alí teremos a inscrición, que é totalmente gratuíta. De todas maneiras, as persoas que queiran asistir separadamente a algunhas das actividades poden facelo sen ningún problema, porque todas están abertas ao público. Esperamos vervos a todos nestas xornadas”.

As Xornadas Mar por Medio están organizadas pola Academia Xacobea, que conta coa colaboración do Concello de Ribadeo, da Xunta de Galicia, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e as Universidades de Oviedo e Santiago de Compostela.

Exit mobile version