O Centro de Día de Menores San Aníbal acollerá esta Xornada de formación do eido social na que participarán profesionais e voluntarios das entidades que compoñen a Mesa, como tamén toda aquela persoa que desexe actualizar os seus coñecementos neste ámbito. En calquera caso, precísase inscrición previa.
A Xornada comezará a 11 da mañá coa presentación do estudo “Resposta educativa ao alumnado do sistema de protección de menores en acollemento residencial” por parte de Antonio Castro Rega, con ampla experiencia como educador e coordinador do Centro de Menores Casa de Familia San Aníbal de Burela. A segunda parte do programa estará a cargo de dous técnicos especialistas de Cáritas: David Vázquez, de Cáritas Diocesana de Barcelona, e Jénifer Gómez, de Cáritas Española. Ambos os dous presentarán o documento “Criterios y orientaciones de intervención socioeducativa con NNAJ no acompañados”, traballo elaborado e publicado este mesmo ano por Cáritas Española. A Xornada rematará sobre as dúas da tarde.
A Mesa Social foi creada pola Diocese de Mondoñedo-Ferrol en 2022. Trátase dun espazo de reflexión e traballo constituído polas entidades católicas vencelladas aos eidos de infancia e familia co obxectivo de sumar esforzos en formación, traballo en rede, sensibilización e comunicación, dando acompañamento aos nenos, nenas, adolescentes e ás súas familias.
Compoñen a Mesa as Irmás Apostólicas de Cristo Crucificado (O Barqueiro), as Escravas da Inmaculada Nena (Viveiro), as Fillas do Divino Celo-Rogacionistas (Burela) e a Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol.