As obras, cun orzamento de 126.000€, afectarán ás rúas Beiramar, da Pedra, da Cova Moura, Nosa Señora do Carme ou Pedrón Salgueiro
Burela, 8 de outubro de 2024. O Concello de Burela dará comezo mañá, mércores 9 de outubro, a uns traballos de asfaltado en diversas rúas da vila, se as condicións meteorolóxicas o permiten.
As obras serán na rúa Beiramar entre o cruce das rúas Nosa Señora do Carme e Rosalía de Castro, na rúa da Pedra, na rúa da Cova Moura e na rúa Nosa Señora do Carme.
Nesta última rúa non se actuará na súa totalidade, se non unicamente nas partes que se atopan máis deterioradas. Concretamente, entre o cruce da vía do tren e a rúa Cova Moura e entre as rúas Curros Enríquez e Eijo Garay.
Ademais disto tamén se renovará a rúa Pedrón Salgueiro, entre a avenida de Arcadio Pardiñas e o cruce das Lamas na rúa do Río Sor.
Dende o Concello rógase á veciñanza de Burela que non estacione nesas vías, co obxectivo de poder efectuar os traballos nelas sen problemas.
“Trátase duns asfaltados moi necesarios, ao ser vías que soportan bastante tráfico, o que, en conxunción coa choiva e o paso do tempo, ocasiona un deterioro das mesmas”, sinala o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey.
Os traballos supoñen un investimento de 126.000€, “unha cantidade importante que se suma a todo o que levamos investido nos últimos anos en manter as nosas rúas nas mellores condicións posibles”, apunta Fernández Rey.
“É unha obra que tiñamos contemplada xa dende hai tempo”, explica o edil, que engade que dende o Concello vaise “seguir renovando asfaltados e mellorando a mobilidade do pobo, é un obxectivo clave para o Goberno local”.
“Queremos destacar tamén que esta é unha obra encadrada dentro do Plan Único da Deputación provincial, á que agradecemos o esforzo inversor que fai nos concellos, particularmente en Burela”, engade.
“Rogamos colaboración á veciñanza para non estacionar nas zonas afectadas, e imos intentar facilitar, dentro das necesidades da obra, o acceso aos garaxes”, explica o concelleiro. “Van ser cortes puntuais, non debería haber ningún corte total”, puntualiza.
“En todo caso, as obras estarán sempre debidamente sinalizadas e se informará á veciñanza das alternativas dispoñibles aos tramos cortados”, conclúe Fernández Rey.