Burela, 17 de outubro de 2024. A Asociación Esperanza de loita contra o cancro tén como un dos seus obxectivos a sensibilización da sociedade na prevención do cancro. No presente 2024 Esperanza volve a organizar unha xornada escolar ao respecto, que terá lugar o vindeiro venres, día 18 do presente mes de outubro, chegando así á terceira edición.
O seu destinatario será o alumnado de sexto de Primaria dos dous ceips do concello de Burela, o Virxe do Carme e o Vista Alegre, e terá lugar no auditorio da Casa da Cultura. Durante a xornada, que comezará ás nove e cuarto da mañán e rematará á unha e cuarto da tarde, haberá ponencias informativas e de prevención impartidas polos poñentes e por un DUE de Hospitalización a domicilio, seguidas de coloquio con preguntas, e un concurso de debuxo. Non faltará a degustación dun almorzo saudable e unha entrega de regalos ao alumnado participante.
As ponencias serán impartidas polos médicos residentes de Medicina Familiar e Comunitaria do Hospital da Mariña Francisco Manuel Fernández Gómez, Ane Kirakosyan Dilanyan, Lucía Capeáns González e Alba Varela Arrojo, xunto co Diplomado Universitario en Enfermería de Hospitalización a domicilio Juan Lorenzo Otero.
Dende a Asociación Esperanza queren agradecer ao persoal médico-sanitario indicado a súa colaboración, xa que son eles os que aportan os criterios científicos e as pautas de comportamento para a sensibilización e prevención do cancro. Por último, non podemos esquecernos da colaboración prestada un ano máis polos dous ceips, Vista Alegre e Virxe do Carme, e polo Concello de Burela para a realización desta xornada.
Esperanza considera moi importante e relevante esta actividade, xa que se trata de informar a un sector da poboación, a infantil, sobre unha enfermidade que moitos a contemplan de lonxe, mais uns poucos están a vivila de cerca, e que ao longo da vida a case todos eles lles tocará, ainda que sexa de xeito colateral. Con esta actividade, Esperanza dá un moi pequeniño paso cara o seu obxectivo final: traballar para erradicar, cando menos minimizar, os efectos do cancro nas persoas, nas familias e na sociedade.