Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello de Foz e FEGAMP abordan a situación da residencia e centro de día

Foz, 15 de outubro de 2024. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e a concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo, mantiveron hoxe, martes, en Santiago unha reunión co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. Concelleira e alcalde expuxéronlle “a problemática e o bloqueo alimentados pola Xunta de Galicia e o señor Castiñeira na residencia e centro de día de Foz”.

“Agradecémoslle moito a reunión e a atención que nos brindou. Como representante dos concellos galegos e alcalde de Vilagarcía, coñece de primeira man o abandono da conselleira de Política Social nos concellos de toda Galicia. Informámolo da débeda anual que ten a consellería co Concello de Foz -máis de 700 mil euros só neste ano 2024 entre SAF e residencia- e a falta de respecto que mantén a conselleira negándose a responder unha solicitude de reunión, que foi requirida incluso en persoa”, afirma o alcalde.

Fran Cajoto explica que “as veciñas e veciños de Foz cos seus impostos teñen que cubrir o que a conselleira se nega a pagar e o señor Castiñeira continúa coa súa política de bloqueo e lavado de cara da Xunta, pero non pode esconder a mochila. Vamos seguir demandando unha reunión porque temos dereito e porque a Xunta de Galicia incumpre incluso o convenio asinado xa que aínda non transferiu a propiedade do edificio da residencia. A estas alturas parece probado que o único xeito de reunirse coa señora conselleira é afiliarse ao Partido Popular”.

O alcalde de Foz referiuse tamén ás últimas notas de prensa do señor Castiñeira: “atreveuse a pedir unha nova licitación cando acaba de bloquear a decisión dunha mesa de contratación e cando sabe -ou debera saber- que a decisión plenaria está en fase de alegacións. Fala de que a residencia siga sendo municipal cando sabe perfectamente que ese é o orixe da suba dos prezos e que no pleno do 26 de novembro de 2020 votou a favor de devolverlle a residencia á Xunta. E ademais pretende facernos crer a todos que a culpa do embrollo que el creou é do actual goberno. Nós sempre imos defender os intereses municipais, non outros”, finaliza Cajoto.

O presidente da FEGAMP comprometeuse a demandarlle a Fabiola García que atenda a solicitude realizada polo Concello e reciba aos representantes do goberno de Foz.

Exit mobile version