Site icon Crónica3.com A Mariña

Comeza un novo obradoiro de emprego xuvenil en Ribadeo e Barreiros financiado pola Xunta con 438.000€

Oito alumnos e alumnas participan na especialidade de mantemento de xardíns e outros tantos centraranse en actividades de xestión cultural

Ribadeo, 1 de outubro de 2024. O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou na inauguración dun novo obradoiro de emprego para menores de 30 anos que comeza hoxe en Ribadeo e Barreiros. Está promovido polos concellos e financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cunha achega de 438.600 euros.

O programa, denominado Máis Emprego, conta con 16 alumnos e alumnas que se formarán e realizarán actuacións de interese público en dúas especialidades con boa saída laboral. Unha está centrada no mantemento de xardíns e a outra na programación de accións culturais. Cada unha conta con oito participantes, que durante os 12 meses de duración do taller contarán cun contrato de traballo.

As accións proxectadas inclúen o acondicionamento de zonas verdes en máis dunha vintena de puntos dos dous concellos. En Ribadeo traballarán no Forte de San Damián e nos parques de San Francisco e dos Indianos, entre outros; mentres que en Barreiros ademais de mellorar diferentes espazos crearán unha nova área verde xunto á zona escolar de San Cosme.

En canto ao módulo de dinamización cultural, impulsará o proxecto Ribadeoxcultura, que ten entre os seus obxectivos potenciar a identificación dos ribadenses co seu municipio, difundir a súa riqueza patrimonial e poñer en valor a historia e as singularidades dos diferentes barrios.

Tamén revisarán o catálogo de actividades socioculturais que se desenvolven nas parroquias de Ribadeo e Barreiros para definir novos criterios e propostas; e deseñarán o programa de animación física e deportiva Paseando pola vida, con accións para fomentar o deporte e a vida saudable entre a veciñanza.

Arias destacou que “os obradoiros melloran a cualificación profesional e a empregabilidade das persoas demandantes de emprego”. Subliñou que en Ribadeo e Barreiros acaba de rematar outro taller xuvenil tamén financiado pola Xunta centrado no sector dos coidados. Ademais, en breve comezará o obradoiro dual Constrúe en verde, que durará nove meses e mellorará a formación e as perspectivas laborais doutras 20 persoas desempregadas – neste caso non vai dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos senón que se priorizan colectivos con especiais dificultades de inserción -.

Exit mobile version