Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Comercio que deixa pegada’, unha iniciativa medioambiental do Concello de Foz

Foz, 23 de outubro de 2024. No seu compromiso por promover a sustentabilidade e concienciar sobre o impacto ambiental na comunidade, o Concello de Foz puxo en marcha a iniciativa Comercio que deixa pegada, unha experiencia innovadora que calculará a pegada de carbono dos comercios locais dentro do proxecto FOZLAB30 en colaboración coa Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) de Lugo e a ACIA (Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos) de Foz.

O concelleiro de Relacións Institucionais, Carlos García, está á fronte desta primeira iniciativa que pretende dar un valor engadido ao comercio focense en base ao compromiso ambiental: “a iniciativa arrinca nunha primeira fase cunha mostra de establecementos de referencia da nosa localidade e imos ir ampliando progresivamente a rede e despregando novos niveis de acción buscando compensar parte das emisións do municipio”.

A primeira xuntanza, que se celebrou no CENIMA, contou coa presenza de representantes do Concello, a ACIA, a UNED, que valoraron moi positivamente os primeiros pasos desta iniciativa.

Destacouse a importancia de calcular a pegada de carbono como unha ferramenta esencial hoxe en día para identificar as áreas nas que os comercios poden mellorar o seu impacto ambiental. Este cálculo permitirá aos negocios tomar medidas que contribúan á redución de emisións, un aforro enerxético, á vez que promoven unha cultura de sustentabilidade e respecto polo medio ambiente, un factor cada día máis valorado polos clientes.

“Esta innovadora iniciativa é unha mostra de que, mediante a educación e a cooperación, podemos afrontar xuntos importantes desafíos que cada día máis veciños nos demandan, estamos moi satisfeitos da primeira experiencia e imos ir a máis”, sinalou Francisco Cajoto, alcalde do Concello de Foz.

Exit mobile version