Site icon Crónica3.com A Mariña

Coa Festa da Horta remataron os Mercados dos Domingos de Ribadeo

Ribadeo, 13 de outubro de 2024. Ribadeo foi esta semana a capital do produto de proximidade. Coa Festa da Horta remataron hoxe os Mercados dos Domingos.

O alcalde, Dani Vega, sinalou que “durante toda unha fin de semana Ribadeo liderou unha iniciativa gastronómica. O sábado poñiamos de referencia, queríamos destacar todos os produtores que todos os días traballan para defender un medio de vida, un produto de proximidade e tamén poñelo desde un punto de vista máis social. O sábado nese Mercado Social, nese mercado que tamén quere concienciar que debemos coidar o noso entorno, o noso medio ambiente, facelo con prácticas respectándonos uns aos outros, pero tamén respectando evidentemente o entorno e o medio ambiente. Foi unha iniciativa que vamos seguir apoiando e perfeccionando para que isto siga avanzado”.

O rexedor subliñou que “o domingo queríamos cerrar e concluír o Mercado dos Domingos, que tamén é unha iniciativa gastronómica, apoiar aos produtores, apoiar á agricultura e entender que debemos todas as administracións dar un apoio, evidentemente, con iniciativas, pero tamén desde un punto de vista económico. Con axudas para que haxa un relevo xeracional e así garantir un sector importante como é a agricultura, como é a horta, e poñendo en valor os seus produtos, e si o facemos con produtos de proximidade moito mellor. Iso é o Mercado dos Domingos, ao que poñiamos fin esta fin de semana, pero quixemos facer a Festa da Horta, é dicir darlle cabida a todos os produtos de Galicia, nesa carpa que se instalou, nese espazo gastronómico, poñendo en valor todos os produtos de Galicia”.

Vega contou “ti entrabas nesa taberna, nesa carpa convertida en taberna, e podías degustar todos os produtos de Galicia. Qué boa iniciativa, qué ben feito que se faga en Ribadeo unha iniciativa gastronómica e poñendo en valor todos os produtos da terra, todos os produtos de Galicia. Apoiáronnos ao sector gandeiro, ao sector agrícola, á horta. E dende logo nosoutros vamos seguir apoiando e colaborando coa Xunta, que en este caso é unha iniciativa da Xunta de Galicia, que instalou a carpa gastronómica aquí en Ribadeo. Titúlase Excelencias de Calidade e a nosoutros parécenos unha iniciativa moi boa”.

Para o alcalde “esta foi unha fin de semana na que Ribadeo puxo en valor o produto de proximidade, o produto de calidade e tamén de unha forma sostible e social”.

Pola Festa da Horta pasou esta mañá a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que visitou a carpa Experiencias de Calidade, instalada nos arredores da praza de abastos. Estivo compañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.

Por outra banda, a titular do Medio Rural quixo destacar os 38 selos de calidade diferenciada cos que conta Galicia, entre os que se atopan as denominacións de orixe protexidas, as indicacións xeográficas protexidas, Artesanía Alimentaria e Agricultura Ecolóxica e que, todos xuntos, forman as “Experiencias de Calidade”. Isto, sinalou, reflexa o gran potencial do sector agroalimentario galego, que se caracteriza por esa excelencia.

Ao longo da xornada, no expositor leváronse a cabo diferentes catas-degustación con producións artesás de Artesanía Alimentaria, así como de queixos, produtos hortícolas ou viños con DOP ou IXP e tamén de Agricultura Ecolóxica.

María José Gómez aproveitou para resaltar a importancia de celebracións deste tipo para promocionar estes produtos e aproximalos aos consumidores. Ademais, tamén lembrou que este mesmo ano aprobouse o Plan Estratéxico da Horta, que recolle medidas a desenvolver ata 2030 e no que se aposta pola sustentabilidade, a diversidade, a innovación e a profesionalidade para xerar valor económico e oportunidade de emprego no rural a través deste eido produtivo.

Mercados de Artesanía Alimentaria

Na liña de promocionar os produtos agroalimentarios galegos, a conselleira do Medio Rural destacou que antes de finalizar este ano levaranse a cabo catro mercados de Artesanía Alimentaria, un en cada provincia galega, para que os consumidores coñezan de preto o labor destes artesáns.

O primeiro mercado celebrarase en Vigo -do 22 ao 24 de novembro-, continuará en Ribadavia (Ourense) -do 5 ao 8 de decembro-, seguirá en Lugo -do 12 ao 15 de decembro- e rematarase en Santiago de Compostela -do 19 ao 22 de decembro-.

Exit mobile version