A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, dixo que “o vindeiro domingo, 13 de outubro, terá lugar a Festa da Horta, unha cita que servirá como colofón do Mercado dos Domingos deste ano. A xornada estará dedicada aos produtos de tempada e proximidade”.
A edil ribadense contou que “durante a festa o público poderá disfrutar de diferentes actividades como unha degustación de zume de mazá recén prensada ou visitar a carpa Experiencias de Calidade da man de AGACAL (Axencia Galega de Calidade Alimentaria) con degustacións de produto galego. Tamén haberá unha mostra de diferentes produtos da horta e a exposición Alimentos con Superpoderes, que sensibiliza dos beneficios da alimentación de proximidade”.
Saiz indicou que “haberá obradoiros para adultos e nenos: Crea un horto na casa para todos os públicos e Tira da Ruleta para os máis pequeniños con xogos de probas arredor da temática da horta. Ademais haberá tapiñas especiais nos bares da contorna da praza de abastos. E o broche final a esta intensa maña de actividades poñer ao Dúo Fenel coa súa música”. Para participar no obradoiro Crea un horto na casa é preciso inscribirse, xa que as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden dirixirse a adl@ribadeo.gal ou ao teléfono 982 128 650.
A concelleira de Comercio e Turismo agradeceu o traballo da asociación A Sucadoira: “agradecer á Sucadoira, a asociación de produtoras e produtores locais da horta, o seu traballo e a súa implicación para traernos a este mercado unha oferta moi diversificada de produtos procedentes da zona, onde destacan principalmente os da horta. Animamos a veciños e visitantes a achegarse a este derradeiro Mercado dos Domingos a disfrutar de todas as actividades que temos preparadas”.