Ribadeo, 28 de outubro de 2024. Coa entrega de trofeos e libros conmemorativos rematou en Ribadeo o Norteo, o I Torneo de Baloncesto Interautonómico de Veteranas, que reuniu durante o sábado e o domingo a 8 clubs, 5 galegos e 3 asturianos.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, fai un balance moi positivo deste evento deportivo: “as Federacións Galega e Asturiana, organizadoras do Norteo, apostaron polo baloncesto, polos seus valores e polas implicacións na vida deportiva máis aló dos 35 anos. Queremos felicitar a todas as participantes, aos organizadores e tamén ao CB Ría de Ribadeo por colaborar xunto ao Concello para que esta cita fose unha realidade”.
O edil engadiu: “agardamos repetir esta experiencia en anos sucesivos”.
No acto de entrega de trofeos e libros conmemorativos participaron o concelleiro de Deportes de Ribadeo, así como representantes do Gijón Básket e da Federación Asturiana de Baloncesto.
Esta primeira edición do Norteo contou tamén coa colaboración de Gestión Gratelu, que achegou o seu compromiso con este torneo a través da acción de respaldo á Asociación Española Contra o Cancro.