Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Quen descubriu a quen?”, por Xoán Antón Pérez Lema

A celebración este 12-Ou da chamada “Fiesta Nacional” española reflicte, outravolta, o discurso dun Estado-Nación unitario que rexeita toda pluralidade lingüística, cultural e nacional e amosa unha fasquía monárquica e militarizante. O evento redúcese a unha demostración militar e a unha caste de “besamanos” no que só brillan o Borbón xefe de estado, tamén como xefe nominal das forzas armadas e a súa filla, seica herdeira nas dúas xefaturas civil e militar, canda os elementos militares e representativos das elites do Estado. Mentres, a lexitimidade democrática, representada polos presidentes autonómicos e os poderes lexislativo e executivo estatais fican secundarizados fronte aos devanditos símbolos da permanencia ou da esencia do aparello estatal.

Dende este 12-Ou dexergamos o proceso de conquista e colonización castelá das Américas, encetado naquel 12-Ou de 1492. Un sector importante da historiografía española, nomeadamente activo nos últimos anos, afirma que Castela non someteu nin conquistou, senón que integrou moi diversos pobos nun único proxecto, dende a igualdade entre “los españoles de los dos hemisferios”. Fronte esta tese a máis recente historiografía americana e parte da europea denuncia a conquista e colonización castelá como un xenocidio.

Cómpre botar fóra discursos e xustificacións políticas “a posteriori” e analisarmos os dados. O proceso castelán de conquista e colonización alicerzouse, no económico, na extracción e apropiación do ouro e prata americano nos séculos XVI e XVII, malbaratado nas guerras europeas dos Habsbourg reinantes nas Coroas de Castela e da confederación catalá-aragonesa. No século e medio posterior a 1492 morreu o 80% da poboación indíxena dos territorios americanos colonizados por Castela, nomeadamente por mor das doenzas exportadas polos europeos, mais tamén polos traballos obrigados nas encomiendas. Porque si foi verdade que o emperador Carlos V prohibise a escravitude dos indíxenas nas Leis de Indias, logo dun amplo debate promovido polas gravísimas acusacións de frei Bartolomé de las Casas que denunciaba “la destrucción de las Indias”, Mais seguiron permitíndose as encomiendas que obrigaban aos indíxenas traballar para os casteláns encomendeiros, que obtiñan ese dereito feudal do Poder castelán. Cando a morte e a doenza decimou as poboacións indíxenas Castela, canda os demáis Estados colonizadores europeos, escravizou centos de milleiros de persoas africanas para explotar económicamente as Américas.

Para máis a colonización foi unidireccional. Castela impuxo os seus costumes, lingua, relixión e goberno sobre unha poboación indíxena reducida á dependencia persoal ou á minoria de idade de feito. Seica Castela non quixo o exterminio dos individuos das poboacións indíxenas, mais si quixo privalos de moitos dereitos e anulalos como membros de cadansúas colectividades culturais e políticas, desprezando as súas relixións, linguas e culturas.

Certo é que este pecado foi común ás colonizacións americana, africana e das Indias Orientais de ingleses, franceses, portugueses e neerlandeses, que mesmo as fixeron peores nalgures. Como tamén as fixeron iguais ou peores os gobernos federal USA e das elites crioulas das repúblicas latinoamericanas do século XIX e parte do XX coas súas políticas de colonización e expulsión das poboacións indíxenas, lexítimas propietarias dos territorios que tentaban colonizar. Tamén anotamos aquí, para cando conveña pasar a conta, a culpa do sultán de Marrocos (devanceiro do actual) e dos xeques alxerinos e tunecinos semiautónomos do Imperio Otomano no escravizamento de centos de milleiros de persoas europeas, secuestradas por piratas nas costas do Continente entre 1500 e 1830, das que moitas morreron nesa escravitude.

Velaí o dereito do anterior presidente mexicano a reclamar do rei de España, sucesor do rei de Castela, unha desculpa histórica, que xa emitiron os Países Baixos a respecto da colonización ou o papa de Roma a respecto da propia evanxelización americana. Mais esta desculpa lle pertencía ao presidente do goberno do estado como director da política exterior estatal e non a emitiu nin dispuxo que o xefe do estado a emitise. Pola contra vetou a presenza española no acto da asunción presidencial de Claudia Sheinbaum á fronte dos Estados Unidos Mexicanos, mentres requiría dos partidos da coalición da investidura omitiren a súa presenza na devandita asunción.

Mais o BNG soubo priorizar os intereses da colonia galega en México e das relacións políticas, empresariais e culturais do noso país coa segunda potencia latinoamericana e Ana Pontón e a eurodeputada Ana Miranda concorreron a esta asunción presidencial malia o inxustificado absentismo do Goberno Sánchez.

Exit mobile version